A Xunta proxecta unha senda peonil para unir a Intermodal de Lugo co HULA

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

ÓSCAR CELA

Destina 280.000 euros para obras de «mobilidade sostible» na cidade

22 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A letra pequena do proxecto de orzamentos da Xunta para o 2022 contén para Lugo algunhas actuacións que non están detalladas pero que ou ben se acometerán con partidas xenéricas ou xa se están deseñando para o futuro.

Unha delas trátase dunha senda peonil e para uso de ciclistas que conecte a futura Intermodal de Lugo co HULA. Na memoria da Consellería de Infraestruturas, que está desenvolvendo varias sendas deste tipo para favorecer a mobilidade urbana (dentro do seu programa de «mobilidade sostible»), explícase que na contorna das principais vías de entrada ás cidades executaranse sendas para peóns e/ou ciclistas «que ofrezan unha alternativa de mobilidade sustentable atractiva e competitiva, de tal forma que se minimice a necesidade de acceder ás cidades en vehículo privado». E entre os exemplos que xa deseñan está un itinerario entre a estación Intermodal e o HULA.

Nada se sabe de momento sobre este proxecto. Tense intención de concretar e presentar en poucas datas, pero se se chega a executar o normal é que se habilite esa senda na estrada da Fonsagrada e logo na Ronda Este ,vías que son de competencia autonómica.

Un bo número de sanitarios e de familiares de pacientes adoitan utilizar percorridos a pé para ir ou regresar do HULA á cidade. Na súa maioría son veciños que viven na contorna das Fontiñas, barrio da Estación e Sacro Corazón. Os itinerarios que utilizan -e que non están habilitados- son polas pistas de Galegos ou entre a ponte da Chanca e Castelo, onde hai un desvío que conectar coa rotonda do HULA xunto ao aparcadoiro privado. Algúns tamén usan a estrada autonómica e logo atallan por Cima de Vila.

O perfil deste tipo de peóns son persoas novas que traballan no HULA e que ou ben á ida ou, principalmente, á volta realizan o percorrido a pé, mentres que para o outro traxecto utilizan o bus urbano. Pola súa banda, hai familiares de pacientes, que despois de pasar longas horas no HULA acompañando ao enfermo, prefiren regresar a casa andando para despexarse.

A proposta da Xunta suporía un xeito de regularizar un percorrido habilitado, con medidas de seguridade. Ademais, preténdese dar unha opción a aqueles viaxeiros que cheguen á nova estación de buses e de trens e queiran ou ben ir ou regresar andando ao hospital.

No orzamento do 2022 a Consellería de Infraestruturas contempla 280.000 euros para a mellora e a accesibilidade sostible na cidade. O pasado ano, este departamento xa habilitou unha senda peonil en Lugo de dous quilómetros no inicio da estrada cara a Portomarín. Ademais da separación coa calzada, acondicionouse unha fonte, unha zona de descanso e unha parada máis ampla e cómoda para o transporte urbano e metropolitano.