Feijoo arroupa a Elena Candia en Lugo e reclama de novo que goberne a lista máis votada

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo OUTEIRO DE REI / LA VOZ

LUGO CIDADE

Feijoo y Elena Candia, este mediodía en Outeiro de Rei
Feijoo e Elena Candia, este mediodía en Outeiro de Rei Óscar Cela

A de Mondoñedo revalidou a presidencia provincial do PP co apoio do 98,2 % dos compromisarios

20 sep 2021 . Actualizado ás 20:11 h.

Elena Candia vivirá un segundo mandato como presidenta do Partido Popular na provincia de Lugo. Este mediodía, a política de Mondoñedo  recibiu o respaldo do 98,2 % dos compromisarios que acudiron ao congreso lucense, celebrado en Outeiro de Rei, e no que Alberto Núñez Feijoo reclamou de novo un cambio na lei que obrigue a gobernar á lista máis votada. Esta petición viña a conto nunha provincia na que as coalicións de PSOE e BNG deixaron aos populares sen a Deputación e a capital. 

En Lugo, principal celeiro de votos do PP nas últimas autonómicas, os populares foron o partido máis votado, pero gobernan PSOE e BNG en coalición, e o mesmo sucede no Pazo Provincial, onde un puñado de votos privou a Candia de recibir o bastón de mando. Esta situación levou ao presidente da Xunta a demandar unha vez máis un cambio na lexislación para que sexa a lista máis votada a que goberne. «En Portugal, cando acaba o reconto de votos, saben quen goberna; aquí, non. Por que o PSOE non quixo modificar a norma? Porque eles queren gobernar aínda que perdan», dixo Núñez Feijoo, que cre que o cambio lexislativo suporía elevar a calidade democrática. 

Na mesma liña pronunciouse Candia, que lembrou que ao PP non lle abonda con gañar as eleccións, senón que «temos que convencer aos votantes de xeito aplastante porque senón, xúntanse os perdedores».

«Escollestes boa capitana»

Elena Candia chegaba ao congreso provincial como única candidata, por iso é polo que os 716 votos a favor (de 729 emitidos) que recibiu non fosen unha sorpresa. Ao contrario do que vén sendo habitual, a parlamentaria someteu ao visto e prace dos seus compañeiros unha candidatura ampla (e que seguía unha estrita orde alfabética) na que non se detalla que cargo ostentará cada cal. Asegurou a de Mondoñedo que seguía o guion da vez anterior e que con esta decisión quería salientar que o traballo en equipo será a clave no PP de Lugo. Mañá convocará unha reunión do partido e ao longo dos próximos días dará a coñecer quen ocupa cada posto no seu comité executivo. «O congreso non é para falar de nomes, é para falar de Lugo e dos seus problemas», sinalou. En todo caso, nas últimas horas transcendeu que o exdelegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, pode converterse no seu número dous. 

«Escollestes boa capìtana», dixo Alberto Núñez Feijoo no acto de clausura. Destacou de Candia o seu carácter e a súa humildade e sinalouna como unha muller capaz de desempeñar coas mesmas ganas e garra as responsabilidades no goberno e na oposición. 

Durante a súa intervención no congreso lucense, Feijoo tamén tivo palabras para a oposición. Do BNG sinalou que «a súa lideresa entrou en reflexión», engadindo que se trataba de reflexionar sobre quen manda na UPG e talvez sobre alianzas con ERC ou BIldu. Do PSOE, sinalou que «leva meses sen falar de Lugo ou de Galicia, só falan de familias, de darse codazos para ver quen asiste a un comité federal». Fronte a isto, asegura que o PP está centrado en abordar os problemas que afectan os galegos, como a industria forestal, Alcoa ou o recibo da luz.