O covid leva a Pedro Llano , porteiro do Seminario de Lugo, que «coidou con moito cariño a que foi a súa segunda casa durante décadas»

André Siso Zapata
André S. Zapata LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

ALBERTO LÓPEZ

Os seus compañeiros e amigos, en «shock» ao recibir a noticia. Aseguran que lle botarán «moito en falta»

03 jul 2021 . Actualizado ás 12:38 h.

A noticia do falecemento de Pedro Luis Llano este xoves estremeceu a todos os membros do Seminario de Lugo. A nova caeu como unha laxa sobre todos aqueles que compartiran décadas de traballo xunto a el, encargado da recepción e mantemento do edificio.

«Encomendámolo ao Señor Resucitado, coa esperanza de que o reciba na súa Casa, a el, que durante moitos anos recibiu a todas na casa do Seminario, e coidouna con cariño, en cada momento e estando pendente de todos os detalles, lamentan desde o Seminario. 

As reaccións de amigos e compañeiros non se fixeron agardar. Miguel Asorey, cura da zona de Meira, definiu a perda como a de «outro amigo que se vai». Explicou nunha publicación nas súas redes sociais que Llano era o seu amigo desde o ano 1993, e repasou varias das súas experiencias, incluídas as invitacións á súa casa de San Martín, na Fonsagrada, de onde o falecido era natural. «Deus premiará todo o ben que fixeches. Rezo por ti e por todos os que quedamos e que te botaremos moito en falta», concluíu. 

A misa do funeral celebrarase este sábado, ás catro da tarde, na igrexa parroquial de San Martín de Suarna. A capela ardente terá lugar no Tanatorio Regueiro, na Fonsagrada.

Pedro Luis Llano Pérez xa recibira as dúas doses que lle correspondían da vacina; a segunda administráranlla hai pouco. Estivo uns cinco días ingresado no HULA tras contraer o virus e aínda que parecía que melloraba, finalmente faleceu este xoves, aos 61 anos de idade.

Ao traballar no Seminario, a súa vida estaba asentada na capital lucense aínda que na Fonsagrada tiña a súa casa familiar, onde coidaba as súas colmeas. O Sergas confirmou este venres que o home non tiña patoloxías previas.