Así funcionará o Anagrama, o único pub de Lugo que abrirá durante as probas piloto do lecer nocturno

André Siso Zapata
André S. Zapata LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

Damián Carballo, dueño del Anagrama de Lugo
Damián Carballo, dono do Anagrama de Lugo Óscar Cela

A intención do dono, Damián Carballo, é a de «demostrar que o lecer nocturno é seguro»

10 may 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Este mes de maio será especial por moitas razóns. A máis evidente delas é o progresivo levantamento das restricións contra o coronavirus que veñen afectado á poboación desde hai máis dun ano. Para moitos, o sector da hostalería é o que sufriu máis intensamente as medidas impostas polo Goberno de España e pola Xunta de Galicia desde marzo do 2020. O certo é que hai un tipo de negocio que non volveu a abrir con normalidade desde entón: os locais de lecer nocturno. Para alivio de moitos, a luz ao final do túnel empeza a albiscarse. O será en gran parte para todos os mozos de Lugo, que están a desexar volver gozar do lecer nocturno, pero tamén para os empresarios do sector. Polo momento, un deles séntese máis afortunado que o resto

Damián Carballo, dono do Anagrama, unha mítica discoteca de Lugo situada na zona vella, xusto entre a Catedral e a Praza Maior, será o único privilexiado que poderá abrir o seu local ao público cando a Xunta poña en marcha o seu plan piloto. Aínda non hai unha data concreta, que seguramente se fixe para finais deste mes de maio, pero Carballo móstrase «encantado por contar coa oportunidade». Tras recibir a noticia, púxose ao choio para deixar o seu pub a punto antes de que a Xunta lle notifique a data definitiva de apertura. «Pilloume totalmente de imprevisto. Chamáronme directamente da Consellería para darme a noticia, pero dixéronme que non se sabía aínda cando nos ían deixar empezar. Ademais, temos unhas medidas de seguridade moi conservadoras, e estamos a intentar negociar para que abran un pouco a man», confirma. 

A Xunta propón que os locais -seis en toda Galicia- pidan probas PCR ou de antígenos negativas a quen acudan ao local, que se rexistren mediante unha app móbil, unha separación de tres metros entre grupos de persoas no interior, medidores de CO2 e uso de máscara obrigatorio, entre outros. Os locais, con todo, intentan que as autoridades cedan nalgúns aspectos. Piden un 50 % de capacidade no interior e un 75 % na terraza, mentres que a Xunta opta no seu borrador por un 30 % e un 50 %, respectivamente. Explican, ademais, que a pista de baile debería estar habilitada sen distancia social. 

Carballo explica que, no fondo, as negociación das medidas débese a que «creemos que podemos demostrar que o lecer nocturno é seguro, así que queremos traballar con máis comodidade». Aínda así, explica que non agarda «gañar moito diñeiro» durante estas probas. Di que terá que «renovar todo o almacén de produtos, facer fronte a máis gastos e sacar do ERTE a varios empregados». En total, ten a dez traballadores nesta situación. Non os necesitará a todos, pero si a «un porteiro e tres ou cuarto camareiros, polo menos». 

Na súa opinión, estas probas piloto «deberían facerse en máis locais». Isto, segundo el, aforraría problemas de capacidades, xente que queda fóra e demais aglomeracións, e contribuiría a evitar os botellóns. Polo momento, el será o único afortunado de Lugo que poderá abrir o seu local de lecer nocturno, aínda que aínda «non está de todo claro como imos ter que traballar» ata que a Xunta publique as medidas definitivas.