O campión de España de grafitis é de Lugo

LUGO CIDADE

ALBERTO LÓPEZ

Muralista, non grafitero. Así é como se define Diego As que pinta desde os 7 anos e que nunca atopou estímulo en debuxar fachadas. Un retrato da súa avoa e a súa crítica ás redes sociais, permitiulle obter este galardón

17 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Diego Anido, coñecido artisticamente como Diego As, é campión de España de grafitis, tras acadar un empate técnico co seu adversario o vasco Nexgraf en Grafiti Battles, o certame organizado pola Liga Nacional de Grafitis. Un recoñecemento que lle chega por sorpresa, aínda que non deixa de ser máis que merecido para este mozo de Lugo ao que lle gusta pintar desde moi pequeno: «Apunteime para divertirme, por estar activo e tomeimo como un pasatempo. E logo ao chegar á semifinal xa vin que tiña que pórme as pilas. Se gañaba, xenial e se perdía tampouco pasaba nada».

Tal foi a calidade dos dous grafiteros finalistas, que ambos se foron co premio debaixo do brazo: «Estivo tan axustada a cousa que o xurado ao final decidiu dar un empate técnico. E a verdade que xenial para os dous», di mentres lembra que, para chegar alí, tivo que superar 20 batallas. «É como unha liga de fútbol. Todas as semanas os artistas presentan os seus deseños e un xurado valóraos. Tamén, o público con likes . Obtense unha puntuación e iso sóbese a unha clasificación. En total, son unhas 20 xornadas. E este ano decidiron sacar as batallas grafitis, que vai por roldas eliminatorias combatendo con outro grafitero do panorama nacional», explica tras obter o galardón grazas a un retrato da súa avoa. «Si, debuxei á miña avoa e quixen representar o novo virus like, como que a mocidade está un pouco perdida con isto dos likes, que lle dan demasiada atención ás redes sociais e, ao final, o humano é o día a día e conversar, o ti a ti e non intentar ter máis seguidores ou máis fama nas redes, iso é un pouco a perdición», di sobre a súa grafiti gañador.

Diego xa desde moi pequeno apuntaba xeitos: «Gústame o movemento urbano. Todo empezou vendo a outros grafiteros máis pioneiros. Porque isto tampouco é algo que teña moito tempo. Os primeiros terán agora corenta anos -el ten 32-. Eu son da segunda xeración e fixábame moito neles. E con sete anos xa dicía que quería ser pintor, sempre me gustou, desde moi pequeno», di mentres aínda lembra que «sempre estaba pintarrajeando cadernos». Logo formouse na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón de Lugo: «Alí fixen gravado artístico, serigrafía, un par de anos de deseño, e como xa tiña moitos encargos de muralismo, pois me decidín a darme de alta como autónomo e xa levo varios anos vivindo de isto».

 «Si que asinei na rúa cando era un chavalín, pero deime conta de que non ía a ningún lado con iso e sempre me dediquei máis ao muralismo»

GAÑARSE A VIDA PINTANDO

Porque si, pódese gañar a vida pintando: «Así levo cinco anos. Non é que che vaias facer de ouro, pero pódese vivir. Tes épocas moi fortes, cando che veñen todos os encargos, e logo decembro, xaneiro e febreiro é a época máis frouxa, como un pintor de brocha. E aí aproveito máis para facer interiores e para os meus encargos de cadros, tamén pinto óleo, acrílico... », explica. Aínda que trata de seleccionar un pouco os seus traballos: «Intento coller o que máis me gusta, o que me enche. Pero pídenme encargos para particulares, negocios... Agora estou a facer proxectos en fachadas de naves, concellos... un pouco de todo, e tamén fago talleres».

Confesa que o de ir pintando pola rúa, nunca lle gustou e que ao principio os seus pais tiñan reticencias: «Cando empecei hai 15 anos era totalmente distinto. Estaba asociado ao vandalismo e era como que non querían que o seu fillo fixese grafitis nin que o tachasen de delincuente. E si que asinei na rúa cando era un chavalín, pero deime conta de que non ía a ningún lado con iso e sempre me dediquei máis ao muralismo. O que me gustaba era facer debuxos, non me sentía realizado pintando a fachada de ninguén. E aínda que me chamen grafitero, estou un pouco apartado diso, porque en realidade son muralista. Os meus pais, ao principio dicíanme iso. E eu tiña que esconder os botes para saír da casa. Pero a día de hoxe, están encantados da vida», di este mozo que aclara que a palabra grafiti xa implica saltarse as normas. «Significa pintar ilegalmente e eu considérome muralista, non teño nada que ver co grafiti. Está claro que a ninguén lle gusta que lle pinten a súa fachada. Pero tampouco podo dicir nada en contra da xente que fai grafitis. Respéctoo e coñezo moitísimos grafiteros», explica este lucense cun futuro prometedor.