Aos 43, estuda para ser camioneira: «Son a única da clase; non hai máis mulleres por medo ao 'que dirán'»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

Óscar Cela

Susana Varela explica que co seu novo carné sacarase unha espiña cravada hai anos

25 novs 2020 . Actualizado ás 23:21 h.

Susana Varela é de Lugo e sempre foi moi «botada para diante». Desde pequena, o seu soño era ser camioneira, como o seu pai. Agora, aos seus 43 anos, decatouse de que é o momento de dar renda ás súas ilusións. Por iso estase sacando o carné C+E e o CAP. É a única muller da clase, algo que non é novo para ela e, explica, o «que dirán» non lle impediu perseguir as súas metas.

—Por que o carné de camión?

—Pois eu xa tiña desde hai algúns anos o C e o C1, cos que podo conducir camións ríxidos. Agora, estou co CAP e o C+E porque vin a oportunidade a través de Cogami e sei que estes me abrirán máis saídas laborais a nivel nacional. A min sempre me gustaron máis os tráiler.

—Entón xa traballa como camioneira?

—Pois non, teño un emprego que nada ten que ver con isto agora mesmo. Pero a miña ilusión sempre foi ser camioneira como o meu pai e nunca puiden por diversas circunstancias da vida. Agora, se che son sincera, arrepíntome de non facelo antes. Pero hai que ter en conta que é un carné caro e que antes as miñas nenas eran pequenas, polo que non podía conciliar. Non era viable estar unha semana fóra de casa e querer gozar das miñas fillas.

—Buscará traballo cando aprobe?

—Vou facer todo o posible para poder dedicarme a isto profesionalmente. É algo moi sacrificado, moitas noites sen durmir en casa, moitas horas e moita soidade, pero teño claro que é vocacional e que ademais, sei que me encanta.

—Salarialmente compénsalle este cambio?

—Teño claro que para cambiar, a min téñenme que ofrecer algo mellor do que xa teño, eu polo mesmo soldo que cobro agora non me vou. Ás veces hai bos salarios no mundo dos camións, un aspecto que se complica en empresas pequenas. Por pór un exemplo, eu non me iría a unha ruta nacional por 1.500 euros nin cunhas condicións precarias. En horario vou perder, así que polo menos, agardo poder gañar en soldo.

—En tempos de covid-19, a vida na estrada é máis complicada para os camioneiros

—Si, e isto é algo que me parece ilóxico e que non entendo. Ao propietario dun bar déixanlle ter aberto para que o da oficina vaia a buscar o café e ao camioneiro non lle deixan acceder a algunhas áreas de servizo. Isto complica moito o día a día e o traballo diario de moitas persoas que tamén traballan nun servizo básico.

«Non hai máis mulleres nisto por medo ao ‘que dirán' os demais»

—É a única muller nun mundo de homes.

—Eu nunca tiven problemas cos compañeiros, aínda que sempre hai o típico gracioso que se pregunta que estou a facer aquí. Eu son a única da clase, e o mesmo pasoume cando me saquei o C1 e mesmo no carné de carretilla elevadora.

—Por que non hai máis mulleres camioneiras?

—No fondo, eu creo que é por medo ao que diga a xente. Hoxe en día o home pode ser dependente dunha tenda e a muller, camioneira. Pero os prexuízos están aí e ao final, a presión pode cos soños de moita xente.