Visitar Lugo marcando distancias

VÍCTOR LÓPEZ / S.V. LUGO

LUGO CIDADE

Lidia, facendo uso da audioguía na Praza de Santa María
Lidia , facendo uso dá audioguía na Praza de Santa María ALBERTO LÓPEZ

Lidia de la Fuente lanza unha audioguía da cidade cunha versión adaptada para que os máis pequenos poidan desfrutar en familia

07 ago 2020 . Actualizado ás 12:24 h.

Emprender en tempos de crise pode soar ata desafiante, pero disque non hai mal que cen anos dure, e quizais só sexa cuestión de visualizar a oportunidade e saber aferrarse a ela. Iso foi o que fixo Lidia de la Fonte, unha veciña de Lugo que exerce como guía oficial de turismo na cidade amurallada e que xestiona «Camiños con arte», a súa propia empresa de visitas guiadas. Levaba tempo preparando unha audioguía para adultos, cunha versión adaptada para que os máis pequenos da familia tivesen tamén a oportunidade de coñecer as entrañas da antiga metrópole romana. Agora, un traballo que precisou de meses de esforzo e produción ve por fin a luz e dende o pasado xoves xa está dispoñible para todos aqueles veciños e turistas que desexen facer unha ruta pola capital luguesa acompañados, de xeito virtual, por unha voz chea de experiencia e polos ritmos de Brath, unha banda local de música folk que ambienta esta locución de case 60 minutos.

-A audioguía preséntase como un negocio de futuro, en que consiste o teu proxecto?

-Está pensado para que, sobre todo os visitantes, poidan coñecer a cidade ao seu ritmo, sen ter que axustarse a uns horarios concretos e sen ter que meterse en grupos numerosos, que coa situación actual é algo que a xente ten moito en conta á hora de reservar unha viaxe. Só precisan dun dispositivo móbil e duns auriculares.

-Como se pode adquirir?

-O cliente pode facerse coa gravación a través da páxina web de «Camiños con arte». Alí temos unha sección de audioguías e só terían que entrar e reservala.

-Ten dúas versións, unha para nenos e outra para adultos. A que se debe esta decisión?

-Non había en Lugo unha oferta destas características para as familias con nenos que tivesen interese na cultura e na historia da cidade. A miña idea era que as crianzas de entre 6 e 12 anos se sentisen tamén partícipes desta visita á cidade, pero adaptada sempre á súa condición de nenos.

-Como conseguiches esa adaptación?

-A locución dos adultos dura unha hora, e a dos rapaces trinta minutos. É moito máis dinámica. Ademais, utilizo outra linguaxe, outro ton, os contidos están moi adaptados a eles... É información máis complementaria, que inclúe tamén curiosidades para que poidan ir compartindo sensacións coa familia e participando xunto a eles dunha forma interactiva, pero sen perder esa graza que os caracteriza.

-Hai algún tipo de itinerario fixado para seguir?

-Cada un pode facer o percorrido como mellor lle veña, adaptalo ao seu gusto e ás súas necesidades. De todos xeitos, eu propoño un que é o que me parece máis práctico e cómodo. O punto de partida sería a Torre da Mosqueira, para despois continuar a pé pola muralla ata a porta de Santiago. Este itinerario tamén pasa pola Praza de Santa María, a Casa dos Mosaicos, o Museo Provincial ou a Praza do Campo, e finaliza na Ponte Romana e nas termas, ao carón do Miño.

-Ademais da túa locución, o proxecto ten un acompañamento musical...

-A audioguía conta con algún tema do grupo folk lucense Brath que complementa como son ambiente a locución, e tamén ten outros fragmentos de música galega. Ademais, antes de comezar coa información dos lugares a visitar, hai unha introdución histórica que paga a pena escoitar.