A Xustiza avala o peche cautelar de un local de Camiño Real denunciado pola Policía nove veces

Lorena García Calvo
Lorena G.C. LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

Google Maps

O Concello decretara o peche do café-bar tras sucesivas denuncias por ruídos e outros incumprimentos

07 jul 2020 . Actualizado ás 13:41 h.

Nove denuncias da Policía Local e un informe negativo da concellaría de Urbanismo. Eses son os alicerces que sustentan a suspensión cautelar que o Concello de Lugo decretou para un local de lecer situado no número 54 da rúa Camiño Real, unha zona na que as queixas veciñais polo ruído dos locais non son unha novidade. Ese peche decretado polo goberno lucense recibiu agora unha lombeirada da Xustiza, xa que o Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Lugo desestimou o intento do propietario do local de anular ese peche cautelar.

O caso en cuestión ten faragulla, e sobre todo, música. O local dispón de licenza de café bar, o que implica que non pode dispor de equipos de reprodución ou amplificación sonora, fóra de televisión e radio, e con niveis sonoros que non han de superar os 75 decibeis ponderados. En marzo do ano pasado, a Policía Local interpuxo ao propietario a primeira dun regueiro de denuncias. Entre ese mes e novembro, os axentes formularon ata nove, de forma que o 5 de decembro acordouse abrirlle un expediente sancionador por incumprir os termos da licenza, xa que instalara e reproducía música e, nunha inspección de Urbanismo feita o 17 de xullo detectaran algunhas deficiencias no local (incumprimento das esixencias básicas de seguridade en caso de incendios e na normativa de accesibilidade, así como non ter acreditada a legalidade da instalación eléctrica e de gas).

O precinto do equipo de son

O propietario negou os feitos e alegou contra a orde que obrigaba a retirar a instalación musical non autorizada, pero non callou. De feito, o 21 de decembro a Policía regresou ao local e precintou o equipo de música, e dous meses máis tarde comprobou de novo que se seguían producindo molestias polo alto volume da música, que se podía oír desde o exterior. Uns días máis tarde, a inspección de Urbanismo certificou que no local había deficiencias técnicas, polo que o 4 de marzo o Concello ordenou a suspensión cautelar do café bar. A lista de motivos empezaba en que non retiraran o equipo de música, como se ordenou, en que mesmo romperan o precinto policial, e nas molestias denunciadas polo ruído denunciadas polos veciños e testemuñadas pola Policía.

O propietario do local presentou un escrito pedindo que se suspendese o peche cautelar, pero a xustiza hao rexeitado. Na súa contra pesan as numerosas denuncias por ruídos, e a «actitude rebelde á hora de obedecer as ordes» do Concello, ata o punto de que presuntamente tería roto o precinto policial do equipo de música.

Entende o Contencioso que o Concello está salvagardando os dereitos dos veciños e que os prexuízos económicos que alega o propietario do bar non son suficientes para que poida reabrir o establecemento. En todo caso, o dono do local poderá apelar contra a decisión.