Vilaseca

Miguel Cabana
Miguel Cabana DE SOL A Sol

LUGO CIDADE

20 feb 2020 . Actualizado ás 08:37 h.

Fóisenos Vilaseca. ¡Carafio! Elixiu un precioso día de sol como onte, colleu o seu carterita lixeira, con dous libros, e saíu discreto rumbo á felicidade.

Cando entrei ao tanatorio imaxinábao agardándome, riseiro, compracido, satisfeito do periplo percorrido e do deber cumprido. «Non se preocupe Miguel, a vida é así. Uns veñen e outros nos imos. Eu fíxeno o mellor que puiden. Pero descúlpeme se algo non saíu ben. Cúidese moito! Ata pronto!»

Seguro que esta fose a súa despedida. Cálida e tranquilizadora.

Así era Don Rafael Vilaseca Otero. Un cabaleiro dos pés á cabeza; e non só nas formas, senón no fondo. Un home humano, afable, xusto, culto e viaxado. E conservou esas virtudes exercendo como xornalista toda a súa vida. O cal é un mérito máis, vendo as fatigas humanas que se observan cada día desde esta profesión.

Así que onte, día de sol, foise o mestre, deixándonos un modelo a seguir. Un modelo de felicidade, porque realmente coa súa forma de ser o que conseguira era a felicidade mentres gozaba do mundo e da súa profesión.

Querido mestre, desperdiciar o seu legado vital sería un pecado. Así que, aí queda para quen queira ou poida seguilo. Eu estouno intentado agora mesmo mentres recheo esta columna, a mesma que vostede escribiu con mestría durante anos baixo o título «De sol a sol».

Pero, ¡carafio!, acabóuseme o espazo sen dicir nada do gran xornalista que escribiu as primeiras páxinas de La Voz de Galicia en Lugo. Será outro día. Boa viaxe, mestre. E grazas por todo.