Liberata, aos 95 anos, cumpre o seu desexo de inaugurar o ascensor do Sacro Corazón

LUGO CIDADE

Alberto López

Cando presentaron o proxecto pediu ser a primeira en utilizalo

17 ene 2020 . Actualizado ás 22:34 h.

Liberata Rolán viu cumprido o seu desexo. Aos seus 95 anos foi a primeira lucense en subirse ao ascensor que desde hoxe fai máis accesible o barrio do Sacro Corazón. Cando o Concello de Lugo presentou aos veciños o proxecto, ela, nin curta nin perezosa, comentou a ilusión que lle faría ser a primeira en subirse ao elevador. Á fin e ao cabo, é da veteranas do barrio e a única que loce o nome de Liberata en toda a cidade, di ela.

No Concello tomaron boa nota do seu desexo e cando fixaron a data para a inauguración invitárona a acompañar á alcaldesa na primeira viaxe vertical do segundo ascensor urbano da cidade. Liberata non llo pensou. Esta mañá púxose as súas mellores galas e vinte minutos antes da hora oficial, presentouse a pé de elevador para acompañar á alcaldesa, Lara Méndez, na inauguración da instalación. 

Alberto López

Non chegou cunha man chea de nada e outra cousa de ningunha. Presentouse cun presente para a rexedora en forma de gancho a modo de agradecemento por cumprirlle o seu desexo, e durante o intre que compartiu con políticos e veciños regaloulles tamén parte da súa historia vital. Nada nun pequeno pobo ao lado de Verín, estivo emigrada 13 anos en Alemaña e cando regresou xa se fincou no Sacro Corazón, que se converteu no seu barrio. Un barrio que, desde hoxe, é máis accesible para todos.

Alberto López