Visita a San Fernando

Luis Latorre

LUGO CIDADE

20 novs 2019 . Actualizado ás 08:52 h.

O luns acudín a unha das visitas organizadas polo Concello de Lugo para ver o antigo Cuartel de San Fernando e teño que dicir que non foi o panfleto político que me agardaba. Contaba cunha soflama contra a Xunta de Galicia por non facer o Museo da Romanización e en cambio atopeime cunha interesantísima explicación histórica e técnica da man do arquitecto Benigno Jáuregui, que fixo que se evaporase a media hora que durou o curto percorrido e que quedase con ganas de saber máis.

A todos os visitantes nos decepcionou que só puidésemos acceder ao patio e que non nos deixasen visitar ningunha estancia por motivos de seguridade, o que nos fai imaxinar o avanzado estado de deterioración do edificio, aínda que curiosamente as autoridades si pasearon polo inmoble.

A visita en si é un acto peculiar, xa que o deber de conservación dun Ben de Interese Cultural é indiscutiblemente, segundo o artigo 32 da Lei de Patrimonio de Galicia, unha responsabilidade do propietario, que neste caso é o Concello de Lugo. Que abran as portas para ensinarnos que non cumpriron coa súa obrigación legal é realmente chocante, e algo do que deberían dar conta os culpables da deterioración de San Fernando.

Pero miremos ao futuro. Unha vez descartado por imposibilidade técnica o centro educativo que Lugo Monumental propuña coincidindo con grupos tan dispares como Izquierda Unida ou Cidadáns, non hai dúbida algunha: San Fernando ten que albergar o Museo da Romanización.

A Xunta de Galicia ha de cumprir coa súa palabra. En 2010 viñeron a Lugo a ensinarnos o proxecto gañador de Pedro Colón de Carvajal Solís e Raquel Buj García, a prometernos que había diñeiro e a xurarnos que as obras comezarían en 2011. Oito anos despois seguimos agardando e iso non é aceptable.