Un profesor dos Franciscanos, invitado a intervir nunha universidade dos Estados Unidos

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

ALBERTO LÓPEZ

O docente Juan Pablo Fernández Abuín foi seleccionado para un congreso en Berkeley

19 sep 2019 . Actualizado ás 20:15 h.

Un profesor lucense, que exerce a súa actividade no colexio dos Franciscanos, foi invitado a intervir nunha universidade dos Estados Unidos. O docente Juan Pablo Fernández Abuín foi seleccionado para participar nun congreso mundial de saúde e sociedade que ten lugar esta fin de semana na Universidade de Berkeley. O obxectivo da reunión é mostrar investigacións sobre ciencias da saúde. Un grupo de investigadores de varios países (Estados Unidos, Canadá, Reino Unido, Australia, entre outros) redactarán un borrador sobre obxectivos logrados ata agora na axenda2030, que forma parte dos plans da Organización Munidal da Saúde. O profesor dos Franciscanos pasa a formar parte dese grupo tras as investigacións que efectuou en varios países.

Un dos seus traballos recollía a presenza do sobrepeso e da obesidade na poboación escolar. A presenza dun estilo de vida cada vez máis sedentario, cunha afección  ás tecnoloxías dixitais cada vez maior, é un dos detalles máis significativos. Tamén se recollía a frecuencia do consumo de alimentos azucarados, en cantidades superiores ás recomendadas pola Organización Mundial da Saúde (OMS), e a conveniencia de incorporar nos colexios a figura do nutricionista. O docente tamén foi invitado a un congreso sobre retos de institucións educativas na sociedade dixital, que se celebrará en Chicago o ano próximo.