A Xunta faise cargo do bebé ingresado na uci en Lugo

La Voz REDACCIÓN

LUGO CIDADE

Cando saia do hospital será entregado a unha familia de acollida. Os servizos municipais van a desratizar e desinfectar a vivenda cando acaben de sacar o lixo

21 ago 2019 . Actualizado ás 15:37 h.

A Xunta de Galicia acordará a «tutela urxente» do bebé ingresado na UCI do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo con signos de malos tratos, cuxos pais foron detidos e están a ser investigados por un suposto delito de malos tratos a menores.

Así o manifestou o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen explicou este mércores que «o xulgado de garda procedeu á detención en Lugo por un posible caso de malos tratos dos pais dun bebé de dous meses, que neste momento está na UCI», tal e como recolle Europa Press.

De forma «inmediata», asegurou, puxéronse en marcha «os protocolos de protección do menor, que o xulgado deu á Xunta a garda e custodia deste menor». Balseiro confirmou respecto diso que «hoxe (mércores) mesmo acordarase a tutela urxente» por parte da Xunta de Galicia do bebé supostamente maltratado. «Son os datos que podemos confirmar porque ao tratarse dun menor a información é reservada e está baixo supervisión xudicial», concluíu o delegado do Goberno galego en Lugo.

Os pais do bebé, tras ser detidos o luns, compareceron ante a titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara, que os deixou en liberdade na noite deste martes investigados por un suposto delito de malos tratos a menores.

Foi persoal sanitario o que trasladou o caso ao xulgado que naquel momento estaba de garda e este luns a xuíza ordenou entrar na vivenda familiar, situada na rúa Irmáns Carro, onde persoal de limpeza do Concello de Lugo atopouse cunha casa «inhabitable» pola sucidade que acumulaba.

O concello desratizará a vivenda 

Os portavoces municipais do concello indicaron que ao longo do día se «desratizará e desinfectará» a vivenda na que residía a parella investigada por un presunto caso de malos tratos ao seu bebé de dous meses. O menor, que foi levado ao médico pola súa nai e presentaba signos de ter sufrido violencia, debido ás lesións presentadas en varias partes do seu corpo, atópase ingresado grave na UCI do hospital de Lugo e sobre os seus propios proxenitores pivotan todas as sospeitas, informaron a Efe fontes do caso.

O portavoz socialista indicou que se está traballando aínda no relativo ao peso do lixo acumulado», pois non hai unha «cuantificación polo momento». De feito, na xornada do martes o concello tivo que reforzar os servizos de limpeza con persoal de Urbaser ante a «inxente cantidade de materiais depositados» na vivenda.