O xulgado dálle a razón ao Concello tras a reorganización do mercado

Marta de Dios Crespo
MARTA DE DIOS LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

ALBERTO LÓPEZ

Unha placera demandou ao goberno local tras perder o seu posto na Praza de Abastos

26 jun 2019 . Actualizado ás 21:09 h.

A reordenación do mercado de Abastos «está suficientemente xustificada», «non foi caprichosa nin arbitraria» e «vén precedida dunha multitude de motivos técnicos, funcionais e comerciais analizados con detemento, de forma profusa e exhaustiva tanto por Mercasa como pola directora do Plan Urban». É o que di a sentenza do xulgado Contencioso número 1 de Lugo, que lle dá a razón ao Concello e desestima o recurso presentado por unha placera descontenta tras perder o seu posto.

A demandante estaba desconforme coa nova localización, decidida polo goberno local, e pretendía manter o seu sitio preto da entrada principal do mercado, como ocorrera desde facía 25 anos, «considerando que coa nova situación ha perdido presenza comercial». Ela mesma propuña que se lle asignase o posto 29, argumentando que se respectaría a agrupación gremial.

A placera tiña a concesión do posto 37, antes da súa nai, e era titular ademais dunha autorización temporal para ocupar o 29 (título que deixo de ostentar o mes de decembro do 2014). O dato é relevante, porque non gozaba dun dereito subxectivo que a lexitimase para que lle fose adxudicado con ocasión da reforma do mercado. O prego técnico explica que o posto 37 desapareceu e que por iso tivo que ser recolocada nos postos sete e oito.

A sentenza, en base ao informe técnico de reordenación, entende suficientemente xustificado o cambio de emprazamento. Explica que «a nova localización de todas as pescaderías nun único corredor responde aos criterios de homoxeneidade e agrupación gremial» e que a estancia común na que se sitúan facilita os labores de limpeza necesaria de peixe. Outro dos motivos que se esgrime é o feito de que os luns non abren as pescaderías, «polo que se estima máis razoable desde o punto de vista comercial e de imaxe do Mercado que os postos que se visualicen ao acceder pola entrada principal permanezan sempre abertos».