O BNG pide á Xunta que cubra as prazas de persoal vacantes na oficina comarcal agraria de Lugo

M.D.C LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

CEDIDA

Rivas critica o abandono do goberno do PP dunha entidade que da servizo a seis concellos con 7.300 explotación agrarias

19 jun 2019 . Actualizado ás 14:08 h.

O portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, trasladou á Cámara galega a situación de precariedade na que se atopa a oficina comarcal agraria de Lugo, e demandou «a dotación urxente» das prazas de persoal vacantes de dous técnicos e un administrativo, que están sen cubrir desde fai un ano.

«Estamos falando dunha RPT que non se cumpre, vaise repoñer ou non porque isto non é un pantalón que se poda remendar, van dotar esas prazas ou van esperar a ver se cae por si sola porque este problema non pode estar sen solucionar tanto tempo porque quen padece esta situación son as persoas do rural e hai que darlle solución», salientou Rivas, «non se poden abandonar estas oficinas, hai que modernizalas». 

 O deputado nacionalista indicou que a oficina de Lugo presta servizo a seis concellos, -Lugo, O Corgo, Outeiro de Rei, Rábade, Portomarín e Guntín-, que suman un total de 7.300 explotacións agrarias, tramita arredor de 1.500 expedientes e preto de cinco millóns de euros en axudas públicas.

 Rivas salienta que esta carencia de persoal «trae consigo retrasos nas tramitacións administrativas e nas certificacións, causando graves perdas e malestar no sector agrario da área de Lugo». Para o deputado nacionalista, a situación desta oficina comarcal agraria «só se entende dentro dunha política de desmantelamento do medio rural galego e nunha transferencia ás empresas privadas de asesoramento e de tramitación», denunciou.

O goberno da Xunta informou de que están facendo unha avaliación dos recursos e das necesidades das oficinas agrarias do país, pero sen compromisos concretos coa cobertura de prazas previstas na RPT desta oficina concreta en Lugo.