Lara Méndez: «Prefiro mirar cara adiante e vivir no presente»

LUGO CIDADE

ÓSCAR CELA

A candidata a repetir como alcaldesa de Lugo é forofa de «Xogo de tronos»

23 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Lara Méndez (Männedorf, Suíza, 1972) é filla da emigración. Seus pais, logo de 14 anos fóra de Galicia, regresaron ao seu Cervo natal cando ela tiña 4. Méndez fixo o bacharelato en Lugo e no campus lucense estudou Enxeñaría Técnica Agrícola, que lle permitiu logo traballar en varias empresas do eido agrario e medio ambiental. Forma parte dunha xeración que viviu o apoxeo da Universidade en Lugo e que agora desempeña cargos de relevancia en Administracións e empresas. A súa carreira política iniciouna de nova en Cervo, onde foi concelleira doce anos, e logo deu o salto á política da capital cando, entre o 2007 e o 2015, exerceu de vicepresidenta da Deputación xunto a Besteiro. Converteuse hai catro anos na primeira muller alcaldesa da historia de Lugo, a raíz do veto da esquerda a Orozco. Neste mandato sacou adiante un goberno en minoría (8 de 25 edís) e aprobou dous orzamentos. Elixe como espazo favorito a praza da Milagrosa, porque é o seu barrio: «É onde paseo coa familia e xogo coa miña filla».

1. Cantas horas dorme ao día? Que soñou hoxe? 

Non teño un número de horas fixas, pero si moitas menos que as oito que recomendan. Hoxe non sei se soñei, pero suponse que si porque os soños están presentes.

2. Que serie está a ver ou cal foi a última que viu? Ten plataformas de pago? 

 Estiven vendo Xogo de tronos. O luns á noite vin o derradeiro capítulo. A plataforma que teño é HBO.

3. Se lle deran a elixir, con quen se tomaría agora un café ou unha caña? Xa postos: é máis de cañas, viños...?

Depende do momento. Un café pola mañá coa familia e un refresco comendo cos compañeiros de traballo, e unha caña cos amigos.

4. Bote a vista atrás. A que lugar ou momento volvería?

Son de quedar coas lembranzas dos momentos vividos, pero prefiro mirar cara adiante e vivir no presente.

 

5. Cando foi a última vez que convidou a alguén a tomar algo?

Onte, nunhas xornadas de portas abertas no barrio da Tinería.

6. E cando foi por última vez a cear con amigos?

 A fin de semana pasada. Remataba a xornada laboral do sábado, estabamos cuns amigos e convidámolos a cear á casa.

7. Cando chega á casa o primeiro que fai é...

Se chego a tempo o primeiro que fago é darlle un bico á miña filla. E se non pode ser, pois poñer as zapatillas e chuchar un pouco aos meus dous gatos [risas].

8. Por política nunca faría... Por exemplo, renunciar ao aniversario da súa parella...

Por política nunca se poden perder os valores, que son a igualdade, os dereitos, a xustiza social..., e que fan ás persoas máis íntegras.

9. Ten seguro privado de saúde? E cantas tarxetas bancarias?

 Non teño seguro de saúde privado. Teño unha tarxeta bancaria.

10. Ten coche? Cal e desde hai cando? E nos móbiles, é fiel a algunha marca?

Temos dous coches de segunda man e desde hai moito tempo. Un é un Mercedes familiar, e o outro un Audi de aluminio, ao que alcumamos Pototo. O meu móbil é un iPhone, que é a miña ferramenta de traballo día a día, e que emprego como tableta, como ordenador...

11. Vivenda propia ou en alugueiro? 

Vivenda en alugueiro.

12. Que será o primeiro que faga o luns 27 de maio?

Pois seguir traballando para continuar a implantar o modelo de cidade que temos deseñado..

O QUE DI A SÚA LETRA (POR LUIS ALAMANCOS, GRAFÓLOGO E RESPONSABLE DE INPEVAL)

ÓSCAR CELA

INTROVERTIDA E PRÁCTICA. Trátase dunha persoa con rapidez de pensamento, segundo denotan os carácteres filiformes. De natureza introvertida, como se ve nos grafemas invertidos, a súa sinatura á dereita indica que fai esforzos para ser máis aberta cando é preciso. A rúbrica envolvente tamén revela que ten unha coiraza para evitar danos. A súa visión é detallista e moito máis práctica ca idealista.