Imos gañar

Xulio Xiz

LUGO CIDADE

22 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O vindeiro domingo, día 26 de maio, votaremos lembrando a Pío Cabanillas, que din que afirmaba: «Gañamos, pero non sabemos quen». Xa nos gustará poder dicir iso dos que vaian ter a tixola polo mango, xa que o fondo da cuestión é que nós, propietarios colectivos do país, imos dar a quen nos pareza a capacidade de conducirnos cara a onde non sabemos, supoñéndolles boa fe e entrega, sen poder evitar a muda pregaria de: «Que non nos pase nada!».

Ademais dos concellos, votamos Europa, esa afastada nebulosa que non nos preocupa, da que non nos decatamos nin nos importa quen nos represente alí. Non nos preocupa porque Europa está moi lonxe, e a ninguén lle interesa que nos acheguemos a ela.

Os partidos teñen Europa como retiro dourado, cando non de cemiterio de elefantes para arredar moi honrosamente a militantes destacados que non se xubilan polas boas, para que non interfiran no que é politicamente máis importante.

E ao haber unha lista única, se para o votante cada voto é un salto ao baleiro, nas europeas moito máis porque non se sabe a quen se lle está dando a confianza da representación.

Recibo a papeleta dun dos primeiros partidos en expectativa de voto, con cincuenta e catro nomes dos que só coñezo ao primeiro. Como se pode pretender «namorar» cunha lista incógnita que resulta unha «cita a cegas» para darlles aos candidatos unha licenza quinquenal nese paraíso económico-político?

Non queren que nos interese Europa, como lles gustaría que non nos interesase o resto das parcelas políticas. Pero nós, erre que erre, aínda seguimos confiando en que todas as que nos fagan, todo o que nos defrauden, vai ser polo noso ben.

Iremos votar e xa veremos o que pasa.