Unha porta aberta ás historias e á historia no Museo Provincial

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

ÓSCAR CELA

A sala do ouro e a cociña son algúns dos puntos que máis interese despertan nos visitantes

18 may 2019 . Actualizado ás 19:56 h.

Son as once da mañá e no ceo de Lugo a chuvia e o sol viven unha escaramuza. Ningún dos dous logra impor a súa lei mentres as empedradas rúas do casco histórico comezan a cobrar vida e os turistas pasean cos ollos ben abertos. É o Día Internacional dos Museos e as portas dos da cidade están abertas e dispostas a contarlle aos visitantes os segredos que agochan.

Ao franquear a entrada do Museo Provincial, outrora convento franciscano, o ritmo cambia. Cruzar o refectorio é internarse nun canto ao pasado e ás culturas, pero tamén ás historias. Porque iso é o que pretenden os catro centros (Lugo, Narla, Pazo de Tor e Museo do Mar) que compoñen a Rede Museística Provincia. Que quen os visita non só vexa obxectos, senón que sexa consciente do que esconden. Das intrahistorias. Da letra pequena. «O museo é un relator de historias», explican dende o Provincial facendo fincapé en que o noso hoxe será o pasado de futuras xeracións.

Nas salas do Museo Provincial comeza a haber movemento. Un matrimonio de idade avanzada conta que acode a miúdo a descubrir o que as salas ofrecen. Desta volta a súa intención é visitar a colección de arte africana, pero un inoportuno problema no ascensor impídellelo. Volverán noutro momento.

Un grupo de visitantes atópase na antiga cociña do convento. Descobren os segredos da lareira, do filloeiro ou dos escanos da man do relato dunha das traballadoras do museo. Participan nunha das quendas das visitas guiadas que se ofrecen e que teñen moita demanda. Tamén hai unha proposta de visitas dialogadas abertas a estranxeiros e ideadas para intercambiar experiencias culturais entre o guía e o visitante. Son algunhas propostas que fan que o museo estea vivo. Que todo o mundo perciba que alí ten o seu espazo.

A sala do ouro

Ou claustro repleto de reloxos de sol, a sala romántica con pinturas e obxectos que te transportan ata a Inglaterra e a Francia do Romanticismo, os mosaicos romanos, a sala da cerámica, a de prehistoria e arqueoloxía... Metros e metros de cultura ao alcance da man. Igual que a sala do ouro que custodia brillantes torques que axudan a entender o pasado castrexo. Esa é a sala, xunto coa cociña, que xeralmente máis impacta ao visitante, explica unha das entregadas guías.

Na pranta baixa unha familia Venezolana inicia con interese a visita. Non sabían que este sábado era o Día dos Museos, como lle sucedía a moitos dos visitantes que deambulaban curiosos polas salas Provincial.

Mentres, noutros museos de Lugo e arredores repítense as imaxes. Xente de paso que quere coñecer de xeito máis profundo a cidade e lucenses que, conscientes do día, quixeron celebralo empapándose de cultura. De historia. Mesmo de música nalgunha das actividades propostas polo Concello nos centros municipais.