Patrimonio cultural, patrimonio natural

María L. Sández TRIBUNA

LUGO CIDADE

13 feb 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Vénse falando, nos últimos días, dun informe encargado polo Concello de Lugo a un equipo, liderado pola catedrática lucense de historia Ana Goy, para presentar a candidatura da parte vella da cidade á mención como patrimonio histórico.

A declaración da muralla como patrimonio da humanidade no ano 2000 foi un logro colectivo que xogou un papel decisivo na identificación dos lucenses coa súa historia romana, e contribuíu a revalorizar o patrimonio arqueolóxico e histórico (e a apreciación do propio) nunha cidade que, nalgúns aspectos, semellaba escasamente consciente de ter sido o epicentro da Gallaecia romana. Desde entón, o Arde Lucus asentouse como un acontecemento festivo de forte implicación social, como manifestación e memoria do esforzo conxunto realizado. Máis alá de que se consiga ou non no curto prazo, o proceso de estender esta especial protección ao centro histórico que a muralla encerra implicará, xa de primeiras, unha toma de conciencia dos valores da cidade que, con seguridade, terá un efecto positivo.

Tamén se vén traballando desde hai moito tempo no impulso da Ribeira Sacra para a devandita mención. Non cabe dúbida da innegable singularidade e beleza destas paisaxes esgrevias, marcadas pola verticalidade e a variedade bioclimática e derivadas dunha historia cultural e dunha memoria de agricultura heroica inscritas no territorio.

Ambas as dúas candidaturas remóntanse ao noso legado romano, perceptible nas propias etimoloxías dos seus nomes, e conteñen a dualidade que conforma a riqueza do noso país: o patrimonio cultural e o patrimonio natural e paisaxístico. Se unha vez fomos quen de rodear a muralla, teremos agora que termar coa mesma forza do noso legado histórico e da nosa paisaxe.