O Hula terá desde febreiro Hemodinámica as 24 horas

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

ALBERTO LÓPEZ

O conselleiro de Sanidade anunciouno esta mañá en Lugo

24 ene 2019 . Actualizado ás 17:25 h.

O HULA contará a partir do 18 de febreiro co servizo de Hemodinámica aberto as 24 horas do día e todos os días do ano. Deste xeito, quen sufra un infarto ou un accidente coronario poderá ser tratado de inmediato se chega con vida ao hospital de Lugo. Ata agora non estaban cubertas con este servizo as horas nocturnas, de dez da noite a oito da mañá. Neste tramo horario, se alguén sufría un infarto tiña que ser trasladado a outro hospital como o da Coruña. Este servizo, que se converteu nunha demanda social nos últimos anos e que motivou mesmo manifestacións, ampliarase por fin ás 24 horas do día, segundo anunciará hoxe o conselleiro de Sanidade en Lugo. Jesús Vázquez Almuiña detallará o día que empezará a funcionar, así como outros detalles do servizo nunha rolda de prensa que ofrecerá no hospital.

As unidades de hemodinámica teñen os aparellos e os profesionais sanitarios que poden actuar de inmediato sobre o corazón e os vasos sanguíneos para que un infarto, unha obstrución ou un fallo coronario repárense conto antes e o paciente non faleza non quede con secuelas graves por falta de circulación sanguínea.

Esta unidade implantouse en Lugo no 2014, cun horario de 8 a tres da tarde, e no resto do horario os infartados eran trasladados ao hospital da Coruña. No Chuac coruñés traballaban durante algúns días dous médicos adscritos ao hospital de Lugo que se foron especializando nestes tratamentos. No 2016 incorporouse un terceiro hemodinamista, co que xa se constituíu a unidade de Hemodinámica, dependente do servizo de cardioloxía do HULA, e os médicos deixaron de desprazarse ao hospital coruñés. Tamén para os estudos programados, os pacientes xa deixan de desprazarse a Coruña. En febreiro do ano pasado, tras un informe da comisión de cardiólogos galegos, ampliouse o funcionamento da sala ata as dez da noite, incluíndo tamén neste horario as fins de semana e festivos.

E agora, tras analizar de novo os datos do Rexistro galego de atención ao infarto de miocardio (Regaliam), a consellería decidiu ampliar o servizo ás 24 horas.

Segundo este rexistro, coa ampliación realizada ata as dez da noite comprobouse que a taxa de mortalidade seguía sendo a mesma que antes de ter horario de tarde, pero rebaixáronse moito os tempos medio de resposta aos infartados en Lugo (porque non tiñan que ser trasladados á Coruña polas tardes) o cal reduce os danos e as secuelas que quedan aos infartados.