«Compartir publicacións en redes non é suficiente; hai que adoptar»

A moza que acolleu ao can máis vello da Protectora, Don José, di que é moi cariñoso


lugo / a voz

Don José. O can avó da Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo xa ten casa. Despois de 12 anos residindo nas gaiolas das instalacións de Muxa, este cruzamento de pastor alemán, duns 25 quilos de peso, atópase desde a mañá de onte nunha casa particular da cidade da Muralla. O seu adoptante é Laura, unha lucense que vive soa, non ten fillos nin outras responsabilidades, e que decidiu deixar de compartir a través das redes sociais peticións urxentes de acollida e converter a Don José no seu compañeiro de piso. «Non mo pensei dúas veces. Ser consciente do sufrimento do animal, saber que era maior e que tiña problemas de saúde, superoume. Compartir publicacións en redes sociais non é suficiente porque con iso non vou facer un ben á sociedade; hai que adoptar. É por iso que decidín actuar e acollelo», explica esta nova, que subliña que o comportamento do animal xa é toda unha recompensa pola que mereceu a pena adoptalo.

Concienciada co benestar dos animais, Laura xa é unha veterana en adopcións. De feito, antes de acoller a Don José, tiña a Matías, un gato que agora entregou para ser adoptado por outros donos. «Non podía ter a Matías e a Don José ao mesmo tempo. O apartamento é moi pequeno e os dous facíanseme moito. A de Don José tamén é unha acollida temporal. Tereino uns dous ou tres meses para que se vaia adaptando a un fogar e despois será moito máis fácil atoparlle casa. Non sabe o que é vivir nunha casa e nótase que o seu dono non o coidou. Iso percíbese nas súas patas (ten artroses), en que non ve ben e nunha otitis aguda no oído dereito», explica Laura, que lle está dando medicación.

Segundo conta a súa nova dona, Don José, que goza dun perfecto sentido do olfacto, é algo rosmón pero á vez moi cariñoso. «É un can que necesita unha boa xubilación porque xa tivo unha vida dura. Adáptase moi ben á calor e á comida. É un can de idade avanzada e iso fai que sexa máis tranquilo e durma moito. Non ten ganas de esmorga», explica Laura que fai un chamamento a todos aqueles propietarios de animais a castrarlos para evitar embarazos non desexados e abandonos.

«Un can da protectora impacta moito máis cando sae á rúa»

Segundo indican varios lucenses que adoptaron varios animais da protectora, hai que concienciar á sociedade para evitar este tipo de abandonos e malos tratos, á vez que engaden que un can da protectora impacta moito máis cando sae á rúa. «É un can que vén de sufrir e duns malos tratos. Os cidadáns veno máis próximo. Si visualizásemolos máis, terían máis adoptantes», opinan estes voluntarios.

Do mesmo xeito que Don José, na Sociedade Protectora hai moitos outros cans en lista de espera para adoptar. Un é Senón, un cruzamento de «beagle» que leva catro anos na protectora. Un cazador deixouno tirado nun monte despois de cansarse del porque xa consideraba que non lle servía para caza. Outra é Kimba, un cruzamento de pastor alemán. Segundo os veterinarios ten aproximadamente uns de 12 anos. É a máis veterana no canil despois de Don José. Blas, un cruzamento de «griffon» e pastor alemán, tamén está disposto a cambiar as gaiolas por unha casa. Ten oito anos, Pelayo, tamén é un cruzamento de «griffon» e pastor alemán. Leva máis de tres anos nas instalacións de Muxa. «Apareceu tirado nunha estrada. Sabemos que estivo con xente porque é moi sociable. Está desexoso de cariño que paga con fartura», dixeron na Protectora. Outro dos cans que necesita unha acollida urxente é Orballo. A historia que esconde este can é unha incógnita, pero ten todas as pintas duns malos tratos en toda regra. Foi abandonado cunha gran ferida, de varios centímetros de ancho, no pescozo. Ou lla fixo o seu propietario nunha agresión ou incluso puido ser consecuencia de estar atado durante moito tempo.

Seguir lendo

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
4 votos
Comentarios

«Compartir publicacións en redes non é suficiente; hai que adoptar»