«Do ecolóxico pódese vivir ben»

Francisco López, presidente do Craega, cre que o sistema de produción xa non é unha moda senón unha realidade firme


VILALBA / LA VOZ

O presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, cre firmemente que a produción ecolóxica axuda a mellorar o medio rural e tamén as condicións de vida dos que deciden este xeito de producir.

-Pódese dicir que agora somos máis verdes?

-Si. Os datos así o indican. O 2017 houbo un aumento do 42 % ; no 2018 o crecemento supuxo un 30 % ou algo así.

-Cal é a clave?

-É un conxunto... Ves que o cambio climático cada vez se nota máis. Aparecen enfermidades raras; alerxias que, segundo os estudos, dependen do que lle metemos ao corpo.

-Pode pensar que este actual crecemento do ecolóxico será soamente unha moda e que acabará por perder forza dentro duns anos?

-Foi unha moda hai doce ou quince anos. Dicíase que o sería, pero estableceuse. O crecemento e a demanda son cada vez maiores. Outro dato é que nos anos duros da crise foi o único sector que medrou.

-Indica algo todo iso?

-Si. Sobre todo, nas novas xeracións.

-Cando falamos da produción ecolóxica, falamos de algo realmente innovador ou máis ben dunha volta ao que xa se facía hai anos?

-En certo modo é volver ao antigo. O ecolóxico é unha volta ao de antes con técnicas modernas. Sen abonos nin herbicidas pódese acadar o mesmo rendemento. Hai anos, podía ser un problema, porque non todas as casas fabricaban produtos para o traballo ecolóxico ao non haber demanda. Hoxe, xa hai abonos para producir en ecolóxico.

-Se falamos de produtos ecolóxicos, falamos de produtos algo máis caros ca os convencionais. Paga a pena para o cliente facer ese gasto?

-As marxes teñen que ir a menos. As tendas gravan eses produtos porque non rotan tanto coma os convencionais. Cando haxa demanda para que os produtos roten máis, os prezos serán máis asequibles; e ten que ser así.

-É difícil para un labrego ou para un gandeiro o cambio dun sistema de traballo convencional ao ecolóxico?

-A agricultura ecolóxica réxese por un regulamento europeo, que só permite dúas vacas por hectárea. Se non tes terra, non podes ter animais: as vacas teñen que saír fóra e facer pastoreo. Ás pequenas explotacións dígolles que están condenadas a morrer. Para esa xente, a produción ecolóxica é unha boa vía de saída.

-Falamos dun complemento ou dun xeito de produción que é tamén unha maneira de vida?

-É unha forma de vida, e hai que entendela así. Hai quen ten unha horta para si e vive diso; pero a agricultura ecolóxica é un modo de vida.

-Resulta difícil o cambio de mentalidade para quen leva tempo traballando dunha determinada maneira?

-Non hai que mirar o resultado a curto prazo. Vanse reducir os gastos do veterinario, de vacinas...

-En Galicia, que non ten explotacións xigantescas, é máis doado pasar a un sistema de produción ecolóxica?

-Nas pequemas gandarías é maís doado, menos traumático. Hai mellores condicións para quen dá o salto.

-Pódese vivir disto?

-A verdade é que si. Os que levamos anos nisto vivimos ben, pódese dicir; e sen os sobresaltos da produción convencional, porque non hai problemas de baixadas no prezo do leite que se dan na produción convencional. É un sector máis estable.

«Para as pequenas explotacións, a produción ecolóxica pode ser unha boa vía de saída»

Recoñecemento público ao seu papel como motor de desenvolvemento rural en Galicia e en Europa

O xurado do premio Aresa, que promove o grupo empresarial dese nome co apoio da Universidade de Santiago de Compostela (USC), acordou onte que o Craega fose o gañador da edición deste ano pola súa achega á conversión da agricultura ecolóxica nun dos motores do desenvolvemento rural de Galicia e e do resto de Europa.

A decisión tomouse por unanimidade. O xurado estivo presidido polo reitor da USC, Antonio López, ao que acompañaron o presidente de Aresa (Álvaro Rodríguez Eiras), un ex director xeral de Agricultura na UE (José Manuel Silva), o director xeral de Capsa Food (José Armando Tellado) e unha vicerreitora do campus de Lugo (Montserrat Valcárcel).

«A agricultura ecolóxica, que agora está de moda, é un dos factores que máis está a contribuír ao relevo xeracional no sector agrario e gandeiro e que, en consecuencia, favorece a implantación de mozos e mozas no eido rural», recoñeceu Silva. O reitor compostelán, pola súa banda, salientou que o labor do Craega axuda a potenciar unha forma de vida vencellada a un sector, o primario, moi presente aínda en Lugo e no resto de Galicia. A candidatura do Craega foi elixida fronte a outras nove tamén presentadas.

O xurado salientou á axuda á incorporación de xente nova ao traballo no campo

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
3 votos
Comentarios

«Do ecolóxico pódese vivir ben»