Francesc Boix, «o heroe de Mauthausen»

Félix Jorquera / Laura López

LUGO CIDADE

LV

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica rescata a historia deste fotógrafo e dos galegos que acabaron en campos nazis nunha exposición que abrirá o xoves 10 no Vello Cárcere de Lugo

09 ene 2019 . Actualizado ás 12:21 h.

O Vello Cárcere de Lugo volve ser escenario de memoria e homenaxe coa inauguración da exposición Boix, o fotógrafo de Mauthausen. O acto terá lugar o xoves 10 ás 20.00 horas e nel intervirán a alcaldesa, Lara Méndez; a portavoz da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), Carmen García-Rodeja; a investigadora Clara Bernal; e familiares de deportados, como Encarna Díaz, filla de Aurelio e sobriña de Victorino Díaz Hortas; e Isabel de la Cruz, sobriña-neta de Rafael Pardo Vales. Tamén actuará o grupo Na Quinta.

A ARMH impulsa esta iniciativa para render homenaxe ao fotógrafo catalán Francesc Boix, preso de Mauthausen, e para rescatar a historia dos galegos que acabaron en campos de concentración ou exterminio nazis.

Carmen García-Rodeja, voceira da asociación, explicou en Voces de Lugo, de Radio Voz, os detalles da mostra que o xoves 10 se inaugura en Lugo: «Boix foi o heroe de Mauthausen, un dos campos de concentración onde estiveron a maior cantidade de prisioneiros españois, que eran republicanos que foran apresados polos nazis na Segunda Guerra Mundial. Deses 10.000, morreron as tres cuartas partes», explica.

Incautou fotos e negativos

Boix foi cualificado de heroe porque foi un fotógrafo que «conseguiu estar dentro do espazo de fotografía do campo, facer fotos e foi capaz de roubar e facerse con miles de negativos (...) Os nazis tiñan unha rede montada para esconder os negativos, pero Boix fíxose con eles e esta foi unha das probas máis importantes nos xuízos de Núrenberg sobre o réxime nazi», lembra García-Rodeja. Boix sobreviviu ao campo de concentración e puido ser testemuña nos xuízos de Núrenberg, pero morreu de enfermidade, pouco despois, con 30 anos. Na actualidade está enterrado no cemiterio do Père Lachaise, en París.

Ademais de repasar a vida de Boix, a exposición quere destacar a importancia dos galegos, uns 200, que foron deportados a Mauthausen e a outros campos nazis. De aí que na inauguración estean familiares de dous dos deportados, Aurelio e Victorino Díaz Hortas, de Outeiro de Rei, e Rafael Pardo Vales, de Laxosa.

O traballo en Mauthausen

Desde a ARMH explican que hai familiares que non teñen información nin documentación sobre os seus achegados e que a asociación estalles axudando.

García-Rodeja destaca a dureza da vida nos campos nazis: «O de Mauthausen era de concentración, non de exterminio, pero os presos acababan exterminados porque o seu traballo era nunha canteira xigante de granito, con máis de cen escaleiras, que tiñan que subir e baixar cargados con 30 ou 40 quilos de peso. De feito, a esperanza de vida alí era de 4 ou 5 meses. Os presos morrían por fame, por frío, polo traballo, por experimentos médicos, nas cámaras de gas, por inxeccións letais... había ata dez situacións de morte», explica.

Desde a asociación traballan tamén para que as Administracións fagan un recoñecemento público aos galegos que pasaron polos campos nazis: «O ano pasado conseguimos que o Parlamento Galego fixera unha declaración institucional e un acto de homenaxe. Foi moi importante porque se recoñeceu a implicación do réxime franquista na súa deportación, esas persoas foron deportadas porque o réxime de Franco as abandonou».

Ademais da exposición, en Lugo tamén se levarán a cabo actividades paralelas, como a proxección do documental Boix, fotógrafo del infierno ou conferencias, como a de Benito Bermejo, experto que tamén traballou de asesor na recente película O fotógrafo de Mauthausen, protagonizada por Mario Casas.