Á caza de «bichos» que recoñecen un cheiro a 100 metros de distancia

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

EUROPA PRESS / UCLM

Os expertos din que as esperas nocturnas han de ser cun só cazador e coa máxima seguridade

13 dic 2018 . Actualizado ás 22:39 h.

En breve arrincará a campaña que promove a Consellería de Medio Ambiente da Xunta para o control dos xabarís urbanos que, nos últimos tempos, chegaron ata a mesmísima muralla. Unha das técnicas que será aplicada para tratar de capturar a estes «bichos», capaces de detectar un cheiro a máis de cen metros de distancia, segundo algúns expertos, será a das esperas nocturnas. Un experto dixo onte que non se trataba, nin moito menos, dunha cacería multitudinaria senón dunha actividade limitada a un cazador e a un axente de Medio Ambiente ou do Seprona e aos que han de velar pola máxima seguridade das persoas.

Os exemplares máis veteranos son altamente astutos e intelixentes. Polo tanto, o seu caza ou control non vai resultar doado. «Que ninguén se crea que por facer hoxe unha espera, mañá outra e ao día seguinte a terceira, ao fin de semana seguinte xa non vai haber xabarís. Nin moito menos. Non é autorizar hoxe un control e listo. Todo ten o seu tempo», apuntou un especialista.

Non se sabe, por agora, como pensa organizar esas esperas nocturnas a Xunta, con todo algúns especialistas achegaron onte detalles para saber como adoita levar a cabo esta experiencia que será pioneira en Lugo. En ningunha outra cidade da comunidade os xabarís chegaron a esnaquizar zonas verdes urbanas ou mesmo a pasearse con relativa tranquilidade polo centro entre os coches.

«Para facer un control, o primeiro que hai que mirar é a seguridade. É necesario elixir lugares moi seguros que eviten calquera accidente ou contratempo. Os disparos non poderán ir cara a rúas, estradas ou camiños. As forzas da orde han de delimitar convenientemente os lugares. Dous son as premisas básicas: buscar un lugar adecuado ao que acudan os animais e que teña condicións de seguridade», dixo onte un experto.

A participación na actividade, opinan os especialistas, ha de ser moi limitada porque a espera require precaución e sixilo. O ideal é un tirador, dotado cun rifle equipado cun visor de baixos aumentos e moita luminosidade e un axente do Seprona ou Medio Ambiente. O tirador ha de estar apostado nun lugar previamente establecido, do que non poderá moverse e desde o cal terá que disparar ao animal en caso de aparición.

«Saben coller moi ben o vento para non atoparse con quen non lles interesa»

Un experto na conduta dos xabarís explicou onte que os exemplares adultos son os que teñen unha maior experiencia, o que complica o seu control ou captura. «Teñen bastante habilidade. Son moi bos no olfacto e no oído, pero fállalles a vista. Na maior parte das ocasións saben coller moi ben o vento para non atoparse con quen non lles interesa», dixo o especialista.

Acostumados ao humano

En canto á «familiaridade» dos exemplares máis urbanos que parecen non asustarse por nada, os especialistas din que se trata de animais que naceron na proximidade de zonas urbanas e que, xa que logo, están acostumados ao paso de vehículos e mesmo a voces humanas. «Hai vídeos gravados no centro de Lugo nos que se ve como algúns exemplares son doados de mover e capturar. Adáptanse a gran variedade de hábitats e condicións, especialmente relacionadas coa existencia do alimento. No caso de Lugo inflúe tamén a existencia de soares sen rozar e a existencia dun gran cinto verde que bordea a cidade. Os exemplares máis experimentados non están nas zonas urbanas», apuntou un experto.

Os datos estatísticos din que desde 2011 foran capturados de forma legal case 90.000 xabarís na comunidade galega e pediron usar outros métodos de control.

Landras, millo ou castañas para atraer aos exemplares

A espera require unha autorización por parte da Xunta e despois unha minuciosa preparación previa. Á parte de buscar a seguridade os expertos din que haxa que «pórllo doado» aos «porcos bravos». Para iso é posible que haxa que levar landras, millo ou castañas ao momento que se decida para que se sintan atraídos polo cheiro a comida. Nalgúns casos tamén se utilizan «baños de cheiro».

Os especialistas destacan que a espera é unha acción especial e específica, neste caso un control por unha urxencia, que é a proliferación de xabarís en zonas urbanas, cos riscos que iso supón. Un accidente de tráfico cun falecido ou feridos, suporía un problema moi severo.

Ademais hai outros inconvenientes. Os exemplares poden ser portadores de enfermidades e tamén de parásitos que poden ser transmitidos ás persoas. Tuberculose, salmonelosis e peste porcina son algunhas das patoloxías que poden transmitir. Os expertos din que, baixo ningún concepto a poboación debe alimentar aos exemplares que se achegan ás cidades e moito menos permitir que se acheguen.

«Calquera programa de control -dixo onte un especialista- require unha actuación conxunta entre administracións e entidades, ben organizada. Non é facer unha cacería ou montería e pór a varios homes xuntos con chalecos, armas e cans. É necesaria unha actuación ben planificada e pensada».