Carballo, o candidato que busca votos como repartidor de xornal

e. g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

kike

O PP lanza «Lugo en marcha», unha publicación na que o aspirante «marca o paso» preelectoral

21 novs 2018 . Actualizado ás 09:39 h.

A precampaña electoral avanza con rapidez. No PP, o seu candidato á alcaldía, Ramón Carballo, sabe que só gañando a rúa pode ter unha oportunidade de chegar ao despacho nobre da casa consistorial. Onte iniciou a distribución do boletín Lugo en marcha, do que distribuirán mil exemplares en man e buzonearán 19.000. As páxinas centrais están dedicadas a unha conversación de Carballo co presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

Carballo, xunto con varios membros do grupo municipal do partido, iniciou onte na Praza de Abastos a repartición desta publicación. O equipo do candidato ten que afinar mellor a elección de contornas e momentos, porque, onte, á hora fixada, apenas había xente na praza. En todo caso, o aspirante aproveitou para colocar exemplares nos postos de venda e explicar algunhas iniciativas para este mercado municipal. Hai que dicir que aos populares non se lles ve moi postos no de vocear a prensa; e nisto, a discreción non adoita dar bos resultados.

Pouco despois de que Carballo repartise o seu boletín, en cuxa portada se asegura que «marca o paso», celebraba reunión Esquerda Socialista, corrente do PSOE, que fixou para o próximo día 2 a súa asemblea en Santiago, para preparar a federal. Ata as correntes internas móvense en precampaña. Pola contra, apenas se move a proxectada creación dun grupo independente, auspiciado, entre outros, por Manuel Martínez, que aínda non renuncia a este intento.