Ata o mes de setembro, máis de 3.000 animais foron arroiados en Galicia

La Voz LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

XAIME RAMALLAL

En Lugo, contabilizáronse días nos que se produciron preto de dez sinistros

11 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Son moitos os condutores que sufriron algún contratempo mentres circulaban tranquilamente pola estrada e de xeito inesperado irrompeu na mesma algún animal salvaxe. Ademais de levar un bo susto (tanto o condutor como o resto de ocupantes), o seguinte que lles tocou foi un bo desembolso económico porque na maioría dos casos o sinistro total do automóbil é o habitual. Quen é o culpable? Quen custea os danos? Estes son outros dous temas a tratar a posteriori.

As estatísticas confirman que os sinistros por esta causa continúan, e o peor de todo é que non diminúen. Todo o contrario, aumentan. En canto a Galicia, no 2014 producíronse 1.943 accidentes por irrupción dun animal salvaxe na vía (en Lugo, 1.098); no 2015 houbo un incremento, sendo a cifra total en Galicia 2.178 (1.301 en Lugo). No 2016 producíronse 2.504; no 2017, 2.362, e no que vai de 2018 (ata setembro), 3.111. A falta de concluír este ano e dispor de cifras finais, no que vai de 2018 máis de 3.000 animais foron arroiados tras saír á vía.

Outra dificultade coa que se atopan os condutores tras arroiar a un animal deste tipo é que a inmensa maioría das veces os animais non levan chip, o que impide determinar a titularidade do animal que ocasiona o sinistro. Non é a especie aquí a que determina a condición de animal doméstico ou salvaxe, senón que son, pola contra, a garda e custodia dese animal e o manexo os factores que o inclúen nun ou noutro apartado. En caso do cabalo, por exemplo, pode ser salvaxe e á vez doméstico. Un caso diferente, en cambio, é o xabaril ou o corzo.

Nestes días

O pasado luns contabilizáronse seis accidentes de circulación causados por animais salvaxes en vías lucenses situadas a máis de dez quilómetros da cidade da Muralla. Un deles ocorreu no corredor Nadela-Sarria cando un xabaril saíu á estrada e foi arroiado por un turismo que nese momento circulaba pola zona.

Un dos últimos accidentes por esta mesma circunstancia produciuse na mañá do venres na rotonda do Picato, xusto na ligazón coa A-54. A pesar de que non se produciron danos persoais, o vehículo sufriu danos materiais.