O PP esquece o taburete de Castiñeira e fía a súa chegada á alcaldía ao «Café con Ramón»

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

ALBERTO LÓPEZ

Carballo deseña unha precampaña na que reforza a idea do contacto directo e sen présas con cada cidadán

21 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O candidato do PP á alcaldía de Lugo, Ramón Carballo, iniciou onte a súa longa carreira cara ás urnas de maio. Expuxo os seus plans de traballo, nos que destacan dous aspectos: un, a súa vontade de estar de modo permanente en contacto co cidadán do montón; outro, o seu desexo de mostrarse próximo aos lucenses. Ambos os obxectivos resúmeos nun lema que resulta moi significativo: «Café con Ramón». O café, xa se sabe, propicia a charla cordial, durante ese tempo mínimo que esixe dar conta de modo educado dunha cunca. E, tratándose do inicio da súa precampaña, co café como peza esencial dela, e co obxectivo de acadar a alcaldía, Carballo elixiu como marco para expor os seus proxectos de traballo a terraza do Celta , tendo á vista a casa consistorial. Para quedar co candidato para tomar café e exporlle o que cada un considere oportuno, o PP reparte uns cartóns con espazo para cubrir os datos necesarios para poder contactar.

A primeira fase do traballo como candidato se desenvolverá entre outubro e xaneiro, un tempo no que o aspirante pensa percorrer cada unha das rúas da capital e todas as parroquias da zona rural. Haberá reunións con todo tipo de asociacións, desde as veciñais ás profesionais, pasando polas culturais e deportivas. De todas quere escoitar Carballo que queren, como creen que se pode mellorar a cidade. El, di, quere «un Lugo dinámico e con futuro», que obviamente, non é o que cre que conseguiu a alcaldesa socialista, Lara Méndez: «Transmite a idea dun Lugo pechado, polo seu pasotismo e falta de xestión». Non innova nas súas mensaxes Carballo cando asegura que quere «ser o alcalde de todos os lucenses»; pero é, probablemente, unha mensaxe que están obrigados a lanzar de todos os modos posibles cantos aspiran á alcaldía.

O candidato popular non é especialmente dado ás frases rimbombantes nin ás declaracións contundentes; xa que logo, o seu programa necesariamente debería de ser, e di que así será, «realista, sen promesa improvisadas nin imposibles de cumprir; sen obras faraónicas e baseado en atender as necesidades que ten Lugo».

A próxima semana reunirase con afiliados populares e simpatizantes nos distritos nos que o partido ten dividido o municipio. E despois empezará o «Café con Ramón». Está por ver se esta fórmula ten máis éxito electoral que a campaña de Jaime Castiñeira sobre a súa taburete.