A escaleira recuperada na Tinería achega novos e sorprendentes datos sobre a Muralla

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

ALBERTO LÓPEZ

Ten características singulares e acháronse restos de pintura chamada Azul de Exipto, que aparece por primeira vez

20 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O estudo detallado da escaleira de acceso ao adarve descuberta, e xa restaurada, na Muralla, na cara interna do monumento, á altura da Tinería, por unha banda, e da igrexa do Carme, por outro, confirmou a súa singularidade, xa adiantada polos especialistas durante os traballos de escavación. Onte, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o arquitecto responsable da rehabilitación do monumento, Ignacio López de Rego, explicaron algúns aspectos relevantes dos achados. Entre outros, localizáronse vestixios, por primeira vez no monumento, de pintura, dun pigmento denominado Azul de Exipto.

O arquitecto López de Rego destacou que os datos obtidos na investigación levada a cabo permitiron constatar que este tramo da Muralla é orixinal; despéxanse así as dúbidas sobre a posibilidade de que fose posterior á dominación romana. Nesta liña resaltou a singularidade da relación da escaleira coa súa contorna; hai que lembrar que é case unha excepción con respecto ás demais exhumadas, en canto a que chega ata o intervallum (espazo sen edificar que rodeaba á Muralla pola súa cara interior) con chanzos e non en rampla. Tamén a construción en si ofrece peculiaridades con respecto a outras escaleiras, en tanto que non está construída a base de lajas de lousa, senón en granito e alternando granito e lousa.

Debido a que esta escaleira foi cegada moi tempranamente, practicamente permaneceu intacta. Na escavación acháronse, entre outras cousas, unha chave romana e unha peza de olería negra, en forma de cáliz, con pedestal macizo.

O mesmo técnico sinalou que nesta escaleira atoparon rastros de revogo de Azul de Exipto, un pigmento que se empezou a utilizar no país das pirámides e que está formado por fusión de area, cobre, calcita e algún outro mineral. Agora é preciso determinar se tamén puido haber este mesmo revogo noutras escaleiras.

Inscricións

En dous chanzos, de granito, apareceron senllas inscricións. Isto é algo que tamén singulariza esta escaleira, aínda que non é a única na que se atoparon inscricións. De momento, segundo López de Rego, aínda non se determinou se son letras ou símbolos doutro tipo e, xa que logo, está por aclarar cal é o seu significado.

Un monumento libre de glifosato, no que se proba con éxito un bioerbicida

O arquitecto director da rehabilitación da Muralla, Ignacio López de Rego, destaca que na Muralla de Lugo non se utilizan herbicidas con glifosato desde hai anos, concretamente desde 2013 (citou de memoria). En colaboración coa Universidade de Santiago, investigáronse bioherbicidas, que xa foron probados na Muralla, primeiro en superficies moi pequenas e posteriormente nun pano do monumento ao lado dun dos cubos nos que levaron a cabo obras. Este ano implantarase o seu uso en tramos máis grandes do monumento.

Os investigadores encargados deste traballo son Antonio Regueiro e Elvira Díaz. Trátase dun produto a base de aceites esenciais de tomiño e romeu, que inhiben a germinación, especialmente da herba máis estendida no monumento, a judea parietaria.

Unha pregunta

O conselleiro Román Rodríguez interesouse pola propiedade do terreo lindeiro co monumento pola cara interior, no que acaba a escaleira recentemente descuberta e restaurada. Tanto o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, como o arquitecto López de Rego explicáronlle que é propiedade da Xunta e que nel levou a cabo unha escavación arqueolóxica. Indicáronlle que a unidade de intervención complétase cun par de propiedades privadas. Hai que sinalar que está previsto ampliar esta escavación, pero de cando levará a cabo nada se dixo onte.

O túnel descuberto fronte a Estantigas foi unha cloaca romana

Despois de barallar distintas opcións, os especialistas xa non teñen dúbidas: o único túnel descuberto na Muralla, situado fronte ao Carril dás Estantigas, foi unha cloaca romana. Así o asegurou onte o arquitecto director da rehabilitación do monumento, Ignacio López de Rego.

O arquitecto lembrou que na contorna houbo unha curtiduría, da que se conserva parte do estanque. Será posto en valor e formará parte do conxunto. A cloaca, debidamente iluminada, poderá verse a través dun cristal. Haberá un valo de protección. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, tamén explicou someramente como quedará esta contorna. O orzamento ascenderá a 60.000 euros.

Nestes momentos está pendente de pechar o convenio Xunta-Concello, necesario porque o terreo na contorna do túnel é de titularidade municipal. Segundo indicaron, o proxecto xa está redactado.

Recuperación dun espazo abovedado que albergou unha transformador

O conselleiro de Cultura confirmou que, como adiantou La Voz, entre as próximas intervencións na Muralla estará a rehabilitación do cubo número 7, nas inmediacións do instituto Xoán Montes. Será exhumada unha escaleira do adarve e recuperarase un espazo interior, abovedado, que albergou un transformador eléctrico. A intervención suporá a retirada do formigón e do cableado interior; poida que neste punto houbese un corpo de garda en época romana. Recuperarase o abovedado orixinal. Determinarase se nesta contorna existiu unha calzada romana. foto óscar cela