Un bosque de valos amarelos no corazón da cidade

e.g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

kike

O Concello deixa en mans de dous operarios reparar o deteriodado embaldosado do centro histórico

22 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Son a parella de operarios máis coñecida no centro histórico Lugo. Agora traballan nunha rúa, ao intre véselles laborar noutra praza e, pouco despois, noutra. Os dous albaneis municipais que colocan e afianzan as lousas soltas no recinto amurallado, señaladamente na Praza Maior e contorna, non pairan. Mellorar, os pavimentos melloran pouco, porque necesitan unha obra de reparación xeral. Pero, con tanta lousa sometida a tratamento, o número de valos amarelos que as sinalizan aumenta con rapidez; é un bosque cambiante, pero sempre presente.

Que tales reparacións chafalleiras (polo seu alcance, non pola calidade do traballo) leven a cabo nun dos meses nos que o caso histórico de Lugo recibe, ou debería recibir, máis turistas, ten seriamente preocupados a algúns hostaleiros e xentes do comercio. Un repaso nunha mañá da semana que remata aos valos que, por mor de reparación de lousas, había na contorna da casa consistorial, guindou o balance que segue. En pleno paseo da Praza Maior, entre a escalinata Pimentel e o Café Centro, varios valos marcan unha tira de pavimento que acaba de ser reparado. A poucos metros, case ao pé da escultura que lembra e homenaxea ao poeta Luis Pimentel, outras sinalizan, ao parecer, unha reparación levada a cabo nun rexistro dun servizo.

Na mesma mañá, á altura do lateral da casa consistorial máis próximo aos Franciscanos, outros valos indican onde acaban de ser asentadas outras pezas do pavimento desa praza. E preto, en Campo Castelo, a medio camiño entre o consistorio e a porta do Campo Castelo, hai máis e, esta vez, preto, un ferro metálico para protexer lousas nas que traballaron os albaneis. Apenas retiradas estas últimas, florecen outras á altura do Círculo das Artes; tan recente está a obra que aínda permanece alí o chimpín que manexa o par de operarios que se encarga destas tarefas.

Nesa mañá, xa que logo, houbo na contorna da casa consistorial ata cinco puntos con valos amarelos. E o caso é que moi preto de cada unha delas hai outras lousas que reclaman atención.

Demasiados coches

Sobre os pavimentos da zona peonil transitan a diario numerosos vehículos, algúns deles de considerable peso, como son os de repartición. Ademais dos coches dos residentes, con frecuencia circulan outros que por algún motivo puideron acceder á zona restrinxida. Como consecuencia, os pavimentos, de lousas, algunhas de pequeno tamaño, deterióranse con rapidez. Hai que lembrar que practicamente xa foron levantados na súa totalidade durante o mandato do alcalde Orozco.