«Moitas empresas chaman á escola para solicitar profesionais»

Félix Jorquera / Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

LAURA LÓPEZ

Aberto o prazo de preinscrición para serigrafía, fotografía, gravado, cerámica, deseño de interiores e gráfico

10 jun 2018 . Actualizado ás 22:24 h.

Esther Muñoz Mella é a directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, de Lugo, que na actualidade ten aberto o prazo de preinscrición para matricularse o curso que vén nos ciclos e ensinos superiores que imparten.

Este centro, que é dependente da Xunta -polo que todos os seus ensinos teñen carácter oficial e validez académica e profesional en todo o espazo común europeo-, leva máis dun século dedicado ao ensino das artes e completa a súa formación teórica con talleres de ensino individualizado e práctico, ademais de prácticas en empresa.

-Cal é a oferta formativa da escola?

-A gran maioría da xente non sabe o privilexio que temos en Lugo con esta escola, porque ofrecemos unha formación de moita calidade. Ofertamos os seguintes títulos: ciclo medio de Serigrafía Artística, dun ano, ao que se pode accedes coa ESO ou sen ela, tras pasar unha proba de madurez; ciclos superiores de Fotografía, Gravado e Cerámica Artística, e ensinos superiores (equivalentes para todos os efectos ao Grao universitario), de catro anos, de Deseño Gráfico e Deseño de Interiores.

-Como é a inserción laboral que se consegue con estas titulacións?

-Teñen unha inserción laboral moi elevada, e iso é importante sabelo porque ás veces hai esa preocupación, coma se un artista vivise do aire, e non é así, evidentemente. Nós formamos a profesionais, dámoslles as ferramentas para reconducir a súa creatividade e inquietudes artísticas para poder vivir diso e ser un profesional. De feito, son moitas as empresas que nos chaman á escola para solicitar profesionais. Estamos moi orgullosos do noso alumnado, e case todos os cursos son galardoados con diferentes premios.

-Cal é o título máis demandado?

-Na actualidade, o de deseño gráfico, porque é un perfil profesional que non ten límites, ten unhas posibilidades infinitas en sectores moi variados; todas as empresas poden precisar un deseñador gráfico, así que é o propio alumno o que logo vai guiando o seu perfil profesional.

-Que teñen que facer todos aqueles que estean interesados en matricularse para o próximo curso?

-O prazo de preinscrición está aberto ata o día 25, porque é necesario superar unha proba de acceso, así que os interesados poden achegarse á escola, ver as instalacións, como traballamos e informarse persoalmente. Na web http://escoladeartelugo.com/ e no correo electrónico info\escoladeartelugo.com tamén poden solicitar toda a información que precisen. Eu persoalmente encárgome de contestar a todos os correos.