O Concello recibiu 9 propostas para a cuberta dun tramo da rúa Quiroga Ballesteros

Antón Carballo LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

CARLOS CASTRO

O xurado, formado por tres arquitectos e representantes dalgunhas asociacións decidirá hoxe

01 dic 2017 . Actualizado ás 09:55 h.

O Concello de Lugo recibiu nove propostas para a cubrición dunha parte da rúa Quiroga Ballesteros e a humanización deste viario no que se atopa a praza de abastos e o mercado. O xurado decidirá hoxe cal elixe para a redacción dos proxectos e a posterior execución das obras.

«O elevado número de proxectos presentados demostra que se trata dunha iniciativa interesante e atractiva para os sectores profesionais aos que implica», dixo onte a alcaldesa. O prazo para a presentación das ideas acabou onte ás dúas da tarde. Segundo a información oficial, o equipo que resulte gañador do concurso de ideas será proposto como adxudicatario do contrato para redactar os proxectos da peonalización e a cubrición. No primeiro caso terá un prazo de vinte días e para o segundo tres meses.

Asegura o equipo de goberno que o equipo redactor deberá ser multidisciplinar. No mesmo terá que estar un arquitecto, un enxeñeiro de camiños, un arquitecto, un aparellador e un enxeñeiro técnico agrícola.

O concurso de ideas, dotado con 21.300 euros, inclúe a peonalización e a cubrición, «para que ambas actuacións vaian acordes e sexan compatibles, pois nunha primeira fase acometeranse as obras de peonalización, cun orzamento de 1,1 millóns de euros e nunha segunda as da instalación da cuberta, que como máximo terán un custe de 400.000».

O ámbito de actuación comeza en Bolaño Ribadeneira e acaba en Santo Domingo. Ese é o tramo que será peonil. O proxecto tamén afecta a ruela do mercado municipal. Na parte de peonalización está prevista a plantación de árbores, creación de zonas verdes, instalación de mobiliario urbano e espazos para autorizar terrazas. Tamén terá un itinerario peonil accesible.

Luz natural

O xurado primará que os elementos da cuberta queden enterrados para non ter que demoler os pavimentos cando leve a cabo a súa estrutura. Esta non deberá ter ningún elemento de suxeición ás fachadas dos edificios. A cuberta ha de permitir o paso da luz natural.