Arquitectura do Concello leva 2 anos para dicir se un escaparate ten licenza

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

Carlos Castro

O Contencioso obrigou á institución municipal a que tramite o expediente xa

21 jul 2017 . Actualizado ás 11:13 h.

O servizo de Arquitectura do Concello de Lugo leva desde o 24 de setembro de 2015 sen informar se un escaparate e unha s portas dun edificio da praza Pío XII foron habilitadas con licenza. Desde entón, o Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Lugo xa tivo tempo para revisar a demanda presentada e emitir a correspondente sentenza. Esta, entre outras cuestións, condena ao Concello de Lugo a que continúe coa tramitación do expediente aberto fai un par de anos e tramite a reposición da legalidade urbanística en relación coas obras denunciadas. Pero resulta que o asunto non sae para diante porque Arquitectura, supostamente non se pronuncia.

A situación motivou que o Concello, tras serlle comunicada a sentenza désese por decatado do fallo e que a alcaldesa asinase un decreto para reiterarlle ao servizo de Arquitectura a necesidade de que diga se as obras executadas nos baixos do inmoble teñen licenza, en que momento foron levadas a cabo e se o realizado é legalizable ou non. Advirte a rexedora que a emisión do informe é indispensable para poder acatar a sentenza.

As obras da polémica consisten nun cambio de porta no portal do local número 4; o cambio dunha porta por unha fiestra escaparche, no local cinco e o cambio dunha porta no local 11. As fachadas do edificio, en cuxo baixo hai un establecemento de venda de recordos turísticos, dan á catedral e tamén ao reitorado.

¡Isto que é!

Cidadáns agardando ata o 2020 por un xuízo e un servizo dunha institución pública que leva dous anos para dicir se unhas obras teñen ou non licenza... ¡Isto que é! Pois, nin máis nin menos que un desprezo total e absoluto aos cidadáns. Unha tomadura de pelo que non se debe consentir. E para iso Xustiza ha de tomar medidas urxentes e, por suposto, o Concello de Lugo tamén.

Catro permisos para obras no inmoble desde 1998

A denuncia polos supostos cambios no inmoble de Pío XII produciuse en xullo de 2015. Como consecuencia da mesma, foi ao lugar a Patrulla Verde da Policía Local. Os axentes identificaron os propietarios de varios locais, pero no informe explicaron que non podían saber cal era o estado anterior da fachada.

O Concello solicitou un informe ao Servizo de Licenzas e do mesmo responderon que na base de datos municipal constaban un total de catro permisos que comezaron a ser expedidos en 1998. O último deles é de 30 de agosto de 2007.

A situación desembocou na petición ao Servizo de Arquitectura dun informe que, ata agora, nunca chegou. A este departamento reclamáronlle que describa as obras denunciadas, «indicando se están amparadas ou non en licenza así como se son, ou non, legalizables». Despois de ser admitido a trámite o recurso contencioso, desde o Concello volveron pedir o informe o pasado mes de febreiro para continuar tramitando o expediente, pero non chegou.