Monseiro ten un museo único ao aire libre

María Guntín
María Guntín SARRIA / LA VOZ

LÁNCARA

CARLOS CASTRO

Fermín Díaz é o creador de sete murais nesta aldea de Láncara e, recentemente, rematou o último

21 ago 2019 . Actualizado ás 16:22 h.

Fermín Díaz Losada naceu en Sarria e emigrou despois de facer a mili a Barcelona e seu é o mérito de pór Monseiro no mapa de moitas persoas que non coñecían esta aldea de Láncara . Licenciouse en Historia Contemporánea e, despois, opositó e exerceu como profesor de primaria e secundaria ata que se xubilou. Hai máis de 30 anos empezou un labor que define como «paciente e benedictina». En total, pintou sete murais en Monseiro, (Láncara). O último, aos pés da igrexa e como homenaxe ao párroco, rematouno este verán. Nel, o cura guía aos seus fregueses cara á súa igrexa e, no rabaño, aparecen tres ovellas negras. Na parte inferior decidiu pintar unha caveira acompañada dunha cita de Miguel de Unamuno e outra do pai da química moderna, Lavoisier. Tamén se recolle a canción dos ritos funerarios, xa que todo o mural é unha profunda reflexión sobre a vida e a morte, en todo o seu esplendor. Rematados os traballos na igrexa, Fermín dá por rematado o seu traballo en Monseiro e confía en que as súas pinturas perduren no tempo e poidan aproveitarse pedagógicamente falando.

Nas paredes das casas de Monseiro pódese aprender moito da vida. Historia e tradición fúndense coas súas cores. Mulleres bailando muñeira, a Santa Compaña e a recollida da mies represéntanse nos murais creados polo artista.

A conservación anual

Finxo é o nome artístico deste sarrián que decidiu compartir a súa paixón pola arte co mundo. A pesar da súa iniciativa persoal e de que os murais son accesibles para visitantes e peregrinos, Fermín non recibe axudas para conservar as súas obras. Anualmente, aplícalles dúas capas de verniz para protexelos fronte ao sol, frío e cambios de temperatura.

«En Monseiro hai unha pequena clase de historia sobre as tradicións e a cultura de Galicia que podería aproveitarse», explica Finxo. Aínda que pareza difícil de crer, este sarrián di que os murais son froito da súa afección, algo a maiores do que é a súa vida. En todos hai un personaxe que lembra ao autor e no que se ve reflectido.

O ano pasado un carballo ardeu nunha curva da estrada que une Vilouzán e Monseiro. Finxo pasou pola curva na que se desatou o lume durante un dos seus paseos e, a forma que quedou á árbore inspirouna a facer unha pintura que se podería cualificar como terrorífica e que, di, os veciños bautizaron como «a curva do inferno».

Monseiro está cheo de obras de Finxo. Rosalía de Castro aparece nun dos murais, cuberta cun manto de rosas e sinalando a unha nai co seu neno. A muller despide a un navío que parte. Reflicte a emigración galega e é o espello de miles de familias que se separaron para intentar conseguir un traballo alén do mundo.