Lugo e Vilalbés disputan en Guntín o primeiro amigable de pretemporada

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. penoucos LUGO / LA VOZ

GUNTÍN

Carlos Castro

Os afeccionados poderán ver en acción ás novas fichaxes de ambos os equipos

18 jul 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O campo do Ladairo de Guntín é o escenario elixido para a celebración do primeiro partido amigable do Lugo na presente tempada. O encontro disputarase a partir das 19.30 horas do mércores e o rival será o Racing Vilalbés.

A cita enfrontará aos dous equipos de maior categoría da provincia, polo que ten a consideración de ser a gran festa do fútbol lucense e supón un gran atractivo para os afeccionados de ambos os conxuntos, desexosos de coñecer sobre todo ás novas incorporacións dos seus respectivos equipos e familiarizarse con eles.

No caso do cadro branquivermello, leva máis dunha semana de intenso traballo de pretemporada destinado esencialmente a que os xogadores vaian recuperando o ton físico tras a paréntese vacacional e poidan irse adaptando ao que o seu novo adestrador, Javi López, pretende deles.

Unha das novidades que será máis seguida polos afeccionados é a do adestrador branquivermello, o catalán con raíces en Samos Javi López, que ocupará por primeira vez o banco do seu novo club.

Os afeccionados tamén están desexosos, aínda que é moi prematuro para facer a máis mínima valoración, de ver en acción ás recentes incorporacións do equipo, con atención especial para Jona Mejía, predestinado a converterse esta tempada na referencia ofensiva do equipo e que polo tanto será unha das pezas craves na engrenaxe do combinado lucense.

Na convocatoria do equipo tamén estarán outros xogadores que case con total seguridade terán a oportunidade de estrearse neste partido como Carlos Calderón, Dongou ou Alberto Varo. Tamén podería xogar algún minuto una das últimas incorporacións, Juan Muñiz, aínda que apenas dispuxo de sesións de adestramento.

O que non xogará, aínda que si é posible que asista o partido será a última fichaxe do cadro de Tino Saqués, Miguel Vieira, que será presentado oficialmente esta mañá.

O Vilalbés tamén presenta moitas novidades no seu novo proxecto. Os cambios dos chairegos comezan polo banco, coa presenza dun ex branquivermello, Juan Peón, en substitución do betanceiro Óscar Gilsanz.

Os chairegos afrontan esta campaña coas incorporacións de Julio Camba, Diego Rey , Edrosa, Juan de Dora e Javi Ballesteros, que terán a complicada tarefa de facer esquecer a uns compañeiros que a pasada campaña lograron levar ao cadro da Terra Chá a conseguir a mellor clasificación da súa historia nunha tempada na que chegaron a soñar con lograr o ascenso a Segunda B.

O fútbol lucense alza hoxe o pano da tempada 2018/19, cun partido no que serán protagonistas os dúas primeiros espadas da provincia e que promete espectáculo e diversión aos asistentes.