Campaña por unha correcta reciclaxe en Guitiriz

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS GUITIRIZ / LA VOZ

GUITIRIZ

SUSO PENA

O Concello lanza unha iniciativa para explicar que depositar en cada colector e onde están os puntos de recollida dalgúns materiais

28 ene 2020 . Actualizado ás 13:42 h.

O Concello de Guitiriz inicia unha campaña para mellorar a reciclaxe. Para lograr unha máis eficaz separación dos residuos, lembrará aos veciños, tanto na páxina web como nas redes sociais, que residuos deben introducirse nos colectores amarelos (plásticos e envases), verdes (restos non reciclables) e azuis (papel e cartón) así como nos iglús verdes (vidro). Tamén informará da localización dos lugares onde se poden depositar pilas, baterías, lámpadas e pequenos envases eléctricos e da situación dos colectores de aceite.

En Guitiriz funciona tamén un servizo de recollida de aveños e de residuos voluminosos, que leva a cabo dúas veces ao mes, o primeiro mércores e o terceiro. Nese caso os veciños deben telefonar antes ao Concello para avisar. O goberno local lembra que a medida supón ademais o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).