Guitiriz e o ferrocarril, un exemplo de amor non correspondido

Xosé María Palacios Muruais
Xosé María Palacios LUGO / LA VOZ

GUITIRIZ

FOTO SUSO

O Concello organizou en anos pasados accións para subliñar a importancia da liña férrea

07 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O tren adoita pasar de longo por Guitiriz , como, doutra banda, ocorre en estacións de localidades de máis poboación ou de menos habitantes. O curioso desta localidade é que o tren fai caso omiso aos xestos e ás accións que indican interese, posto que o Concello, nunha actitude que foi máis excepción que norma nas institucións municipais, organizou accciones de defensa do ferrocarril.

Divulgar as posibilidades do tren, aínda que sen esquecer a súa escaseza de paradas na capital do municipio así como en Parga, e vincular o mantemento das liñas férreas coa defensa das zonas rurais en xeral foron cuestións presentes en anos pasados. Esas accións foron promovidas polo Concello nas dúas etapas de Regina Polín como alcaldesa (2003-2011 e 2015-2019).

Coa idea de defender o mantemento de paradas na vila ou de rexeitar posibles restricións, o Concello organizou viaxes en tren a Lugo en varias ocasións: nunha delas, por exemplo, houbo varios desprazamentos no exprés para reclamar o mantemento da parada. Pero as viaxes efectuáronse mesmo en actividades municipais, dentro de excursións nas que, por exemplo, acudíase a gozar da oferta de lecer de Lugo. Nin sequera faltaron viaxes de Guitiriz a Parga.

Hai anos, o Concello guitiricense mesmo chegou a interesarse pola cesión das dúas estacións. A resposta de ADIF foi unha mostra máis do desinterese ante as chiscadelas ferroviarias de Guitiriz, posto que esixiu un canon polo uso das instalacións.