O mel de Guitiriz ábrese paso

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría PALACIOS GUITIRIZ / LA VOZ

GUITIRIZ

SUSO PENA

A produción do municipio véndese en distintos lugares de España

26 oct 2019 . Actualizado ás 18:55 h.

Se alguén, de entrada, ten dificultade para asociar a produción de mel cunha comarca como Terra Cháa , o exemplo dos guitiricenses Pilar Veres e Francisco López axudará a romper esquemas. Este matrimonio leva máis de 20 anos de dedicación apícola, iniciada case como un simple pasatempo e convertida hoxe nunha actividade dotada de rexistro oficial.

Francisco López conta que a medida que foi avanzando no seu perfil de apicultor preocupouse por aumentar a súa formación, algo que considera fundamental. Dos primeiros experimentos pasou a ter uns 30 colmenares, repartidos por distintas parroquias do municipio. O resultado é unha produción apícola que ten a súa principal saída no mercado local pero que tamén se distribúe no País Vasco e en Madrid.

Un municipio como Guitiriz, cunha zona norte cuxa vexetación non é exactamente a mesma que a da zona sur, ofrece posibilidades de elaborar un mel moi variado. Castiñeiro ou brezo son algunhas das variedades que se elaboran nesta experiencia e que se envasan en tarros dun quilo e de 500 gramos.

A colleita deste ano foi algo mellor que a do pasado, aínda que tamén, admite Francisco López, podería ter sido mellor. Unha das razóns estivo no tempo dos meses de xullo e de agosto, falto de moitos días de calor. Un tempo propio de cada estación é unha das axudas indispensables para o apicultor: no inverno convén que estean inactivas, provistas de reservas de alimentos; na primavera, cando renovan a súa vida ao aire libre, é conveniente que os días de rigores invernais vaian quedando atrás.

 Actividade necesaria

Os pesticidas e os tratamentos fitosanitarios -por exemplo, os que se aplican en prados e en leiras de millo- son inimigos das abellas. Francisco López defende a necesidade e os beneficios da apicultura pola polinización que se realiza sobre as flores. Curiosamente, o arraigamento que se lle supón a unha actividade como esta non implica recoñecemento. Francisco López sostén que o mundo do mel aínda é algo descoñecido e que os apicultores eran vistos cun certo misterio, case cun halo de feiticeiros.

SUSO PENA

Con todo, parece que eses prexuízos se van rompendo. Os que se incorporan a esta actividade compórtanse dun modo máis profesionalizado. Que hai sitio para máis produtores é algo que Francisco López non nega a condición, iso si, de que se conserven as zonas de monte, con variedade de plantas. O éxito do produto no mercado si parece asegurado polas súas propiedades: «O mel galego é máis natural ca o doutros sitios», di. A súa venda en España ou no estranxeiro reflicte ese prestixio. «Ten moitas condicións», asegura este apicultor.