O Concello de Guitiriz recomenda non consumir auga da traída

La Voz GUITIRIZ

GUITIRIZ

SUSO PENA

As análises periódicas detectaron un alto nivel de ferro

25 oct 2019 . Actualizado ás 18:17 h.

O goberno local de Guitiriz recomenda non consumir a auga da traída, debido a que as análises periódicas do Concello detectaron un alto nivel de ferro na auga. Por iso, os responsables municipais aconsellan evitar o seu consumo ata que a situación se solvente. 

Debido aos recorrentes problemas que sofre a auga en Guitiriz, o Concello realiza un control exhaustivo da auga para coñecer periodicamente o seu estado. «Grazas a este seguimento continuo púidose detectar esta incidencia ao instante», explican fontes municipais. O resto de parámetros son totalmente correctos, polo que a auga está cualificada como potable, pero unha continua inxesta de ferro pode chegar a provocar problemas de saúde, por iso é polo que se desaconselle o consumo ata que os niveis de ferro volvan á normalidade.

O goberno local sacou a contratación un proxecto para desviar o subministro de auga e que non pase polo encoro, facendo uso dunha antiga rede de circunvalación. Ademais, onte mesmo, a alcaldesa, Marisol Morandeira, e outros membros do goberno local, estiveron a buscar posibles novas captacións da auga para evitar depender da do pantano. Morandeira explicou que o episodio se detectou a tempo e estamos a traballar para que todo volva á normalidade canto antes», pediu desculpas aos veciños e veciñas de Guitiriz por «as molestias que ocasionan estas incidencias na vida diaria» e mostrou o seu compromiso de traballar «sen descanso para que este recorrente problema se resolva dunha vez por todas».

Posibles bonificacións para os afectados

Doutra banda, se se prolonga no tempo esta situación, o Concello estudará bonificacións económicas na factura da auga para os afectados e afectadas para compensar o tempo que non teñan podido facer un uso normal do servizo.