Plantas que son un perigo para outras

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GUITIRIZ

SUSO PENA

Erradicar herba da pampa ou a minosa na comarca de Terra Chá é un propósito que une a varias entidades

06 ago 2019 . Actualizado ás 10:48 h.

Hai plantas que poden lucir moi ben e á vez converterse nun problema. Sen ser unha das zonas máis afectadas, nalgúns lugares da Terra Chá nótase a introdución de especies invasoras, o que levou a varias entidades a iniciar unha campaña para a súa erradicación. A Asociación Galega de Custodia do Territorio, que nesta comarca desenvolve a súa actividade desde hai anos, logrou a implicación de varios concellos e da Deputación e dirixiuse ao Ministerio de Fomento para solicitarlle algunha actuación.

A mimosa, a herba da Pampa ou a crocosmia, tamén coñecida como vara de San José, cumpren a función de plantas ornamentais e é doado velas en espazos públicos ou privados, aínda que tamén poden desprazar especies autóctonas e afectar a prados ou a zonas de bosque.

Roberto Hermida, presidente da Asociación Galega de Custodia do Territorio, explica claramente as consecuencias: «Onde medran mimosas non medran outras. Debaixo non medra nada máis. Coa herba da Pampa pasa algo semellante», di. Cando esas plantas ocupan un terreo, é difícil corrixir a situación, subliña. Que teñan chegado a zonas como a é unha consecuencia máis do cambio climático, agrega.

A presenza da herba dela Pampa é relativamente frecuente preto de vías de comunicación. A súa aparición débese a que se utilizou para estabilizar taludes, aínda que co tempo acabou por ser un problema. Hermida afirma que en Galicia os taludes poderían fixarse co uso de especies máis propias da comunidade, aínda que recoñece que non son doados de conseguir no mercado.

En lugares onde os terreos conservan usos vinculados coa actividade agraria, a aparición desas plantas pode frearse. Se, en cambio, quedan abandonados, xa aparece un problema. A dificultade estriba, di Hermida, en que a mimosa pode rebrotar e en que a herba da Pampa vólvese difícil de arrincar se acadou un certo tamaño. A asociación analizou con concellos e coa Deputación a situación, que tamén trasladou ao Ministerio de Fomento. Cospeito, Vilalba e Guitiriz son os municipios con maior presencia destas especies, e no guitiricense, ademais, xa se retiraron algunhas plantas. Os traballos realizáronse nas inmediacións do polígono industrial, e preto dese lugar, xunto á autovía do Noroeste (A-6), é doado ver herba da Pampa.

A asociación creou unha plataforma para abordar o problema, e manexa ademais unha ferramenta dixital, iNaturalist, que pode descargarse no móbil e que permite aos interesados informar os lugares onde atopan esas plantas. A aplicación, agrega, Hermida, é pública, e calquera pode participar.