Guitiriz lévase en forma de Torta

ANA L. CILLERO / M.c GUITIRIZ / LA VOZ

GUITIRIZ

FOTO SUSO

A tradicional festa da Torta de Millo de Guitiriz celebra mañá unha nova edición na que non faltará a festa nin as degustacións das distintas tortas

27 jul 2019 . Actualizado ás 10:21 h.

Que o millo ten un sabor inconfundible en Guitiriz non é ningún segredo. E así o mostran os guitiricenses na súa clásica festa da Torta de Millo.

Esta elaboración reposteira tradicional converteuse, xa hai anos, nun emblema para os veciños. A boa situación do concello, conectado coa N-VI, as visitas que recibe por ser vila termal e o bo funcionamento do xa coñecido «boca a boca», fixeron que este doce recorra o mundo. Sobre todo, este pastel soubo adaptarse ás novas esixencias do mercado e deste xeito segue a ser un produto presente nos distintos postos e non un recordo nos padais.

Nesta nova edición, que arranca mañá ás 11.00 horas cunha demostración da importancia do ferro no campo, haberá tempo para a música, os obradoiros de artesanía pero sobre todo para poder degustar as diferentes tortas de millo que se elaboren para esta xornada. Cara a noite, Ánxela Gracián será a encargada de dar o pregón e será nomeada embaixadora deste postre.

En Guitiriz, hai certos establecementos que só se dedican a elaborar tortas, co cal xa son especialistas nela. O importante é que o millo sexa bo xa que é o que fai que teña un sabor único e inconfundible. Ademais, a torta ten que estar ben preparada, con todos os ingredientes necesarios: manteiga, ovo, azucre, limón e por suposto, fariña de millo.

Os produtos deben ser de calidade, pero non menos importante son o cariño e o esmero con que, as diferentes panaderías e reposteiros gardaron durante anos a receita deste biscoito, que axuda a que a xente que pasa por Guitiriz poda levar, en calquera época do ano, un trociño do pobo en forma de torta.