Nós, a cultura popular

XOSÉ ANTÓN CASCUDO

GUITIRIZ

O festival de Pardiñas, organizado por Xermolos, tense convertido nun encontro de proxección internacional

28 jun 2019 . Actualizado ás 09:46 h.

Na segunda metade dos anos setenta do século pasado co réxime franquista en vías de descomposición emerxe un contradiscurso ao pensamento aínda hexemónico que propugnaba cambios na fisionomía da sociedade máis alá da superficie do meramente político. Alén de adoptar a senda constitucional ou do privilexio de exercer o dereito ao voto nas primeiras eleccións democráticas procurábase un presente de liberdade vinculado á necesidade perentoria de construir un futuro común co fin de superar os estigmas do pasado.

De xeito paralelo, cada vila, cada parroquia e cada aldea de Galicia atopábase inmersa nun proceso de transformación serodio, debido á precariedade dun tecido cultural baseado en relacións verticais de orixe caciquil propias da sociedade decimonónica. Neste contexto, o foco identitario e a sensación de pertenza a un espazo en particular viña dado pola tradición, sincretizada nas celebracións a pequena escala que constituían as festividades patronais, transmitidas desde tempos inmemoriais, de xeración en xeración, e vixentes aínda hoxe, como demostra o exemplo do San Xoán que estes días conmemora a vila de Guitiriz.

Pero na contorna de Guitiriz, no verán de 1980, partindo da mesma base de comunidade,

xorde unha proposta doutra natureza, o festival de Pardiñas, auspiciado por un grupo de persoas que compartían a súa xuventude e a vontade de cambiar as cousas. Pardiñas veu complementar unha oferta lúdica diseminada polos diferentes núcleos de poboación, coa audacia de aunar o universo simbólico da romaxe coa chegada de milleiros de persoas que buscaban a vangarda do folclore.

De xeito insólito Pardiñas mutou o minifundismo cultural das verbenas nun encontro de proxección internacional. E corenta anos despois do seu nacemento pódese afirmar que o seu elemento diferencial é que se prolonga até día de hoxe sen perder a esencia da súa primeira edición.

Non existe cultura popular en singular senón multiples expresións do popular, formas plurais da existencia que cristalizan nunha idea primixenia de identidade, coa cal comungamos todos os individuos en menor ou maior grao.

Pero para que a maquinaria funcione é preciso dunha correa de transmisión, e neste caso a persoa que soubo canalizar os anceios máis íntimos da comunidade foi Alfonso Blanco, creador de Xermolos e de Pardiñas, redescubridor do poeta Díaz Castro e nexo de unión destes grandes fitos do noso patrimonio inmaterial.

Non existe futuro sen memoria, do mesmo xeito que non se arma unha festa sen música nin baile. E certo é que, en realidade, tampouco habería cultura popular sen nós.