«Os guitiricenses debemos ilusionarnos e ver a parte positiva»

Xosé María Palacios Muruais
Xosé María Palacios VILALBA / LA VOZ

GUITIRIZ

SUSO PENA

Marisol Morandeira, próxima alcaldesa, destaca que os veciños souberon ver que a lista estaba formada por xente disposta a traballar «polo pobo»

29 may 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O PSOE gobernará con maioría absoluta en Guitiriz. Marisol Morandeira converterase en alcaldesa o mes próximo tras ter encabezado a lista por primeira vez.

-Que é a vitoria: un éxito seu, do grupo...?

-É basicamente un éxito do grupo. Eu son a candidata, pero creo que hai un grupo moi interesante. Os veciños de Guitiriz souberon ver que a nosa candidatura estaba composta por xente disposta a traballar polo pobo, ademais do traballo que fixemos: visitamos as parroquias, falamos con todo o mundo... Eu creo que cando algo non funciona, os electores dan a oportunidade a algo novo. Das seis presentas que iamos nos postos de arriba da candidatura, catro eramos novos, e [Xosé María] Teixido [candidato do PP] xa estivo de alcalde. Ademais iamos na lista de PSOE, co que iso implica. Creo que todo iso axudou a conseguir a maioría.

-Que sente: ilusión, temor...?

-Moita responsabilidade. Cando ves que as eleccións che dan este resultado, é porque os electores agardan algo de ti e confían en ti. Canto máis altas son as expectativas, máis alta é a responsabilidade.

-O PSOE logrou o domingo a maioría absoluta e poderá gobermar en solitario. Buscará algún tipo de acordo cos outros grupos nalgún momento?

-Creo que debe haber acordos entre os grupos en máis dun momento. Podemos decidir en solitario moitas cousas; pero en temas como o Plan Xeral de Ordenación Municipal debemos lograr un acordo. A maioría absoluta pódeche xerar tranquilidade para algúns asuntos diarios; pero o meu grupo está disposto a buscar acordos tanto co PP como co BNG.

-Por unha banda, o turismo baseado no termalismo foi unha das prioridades de Guitiriz en anos pasados; por outro, o municipio ten unha zona rural ampla. Que debe primar?

-Hai sitio para todo. Neste muniicpio hai explotacións que achegan moito PIB e están a crecer. Cada vez que unha explotación constrúe algo, paga taxas e achega diñeiro. Pero cabe todo: hai que atraer xente a través do turismo, hai que potenciar o sector primario. Non creo que debamos vivir só dunha cousa ou doutra.

-Os servizos sociais, con preferencia pola xestión pública, foron unha prioridade do goberno neste mandato. Manterá esa liña?

-A xestión pública dos servizos sociais paréceme fundamental. Creo na educación pública, na función pública. O público, ben xestionado, é o máis eficaz.

-Guitiriz parece ultimamente vencido por un certo desánimo. Pode recuperarse algo de ilusión?

-Sería importante. Os guitiricenses temos a sensación de que imos en picado. Debemos ilusionarnos e considerar a parte positiva: por exemplo, a situación xeográfica; temos que crernos as nosas posibilidades.

Terá dedicación exclusiva na alcaldía

Morandeira é funcionaria da Seguridade Social, con destino en Lugo, e prevé sentir dedicación absoluta cando acceda á alcaldía. Mentres tanto, asegura sentir «moita ilusión e moitas ganas» de iniciar a actividade política, que concibe como un servizo. «Na política municipal é onde debe verse máis esa vocación de servizo público», di. Fai catro anos, ocupou o oitavo posto da lista do PSOE, pero non saíu elixida. 

Dispostos a traballar en todo o que implique desenvolvemento para o municipio

Os servizos ferroviarios na comarca chairega, como noutras de Galicia, han ir diminuíndo nos últimos anos. O Concello de Guitiriz foi unha excepción polo seu defensa do tren como servizo necesario en zonas rurais: o uso do ferrocarril como medio de transporte en excursións e a organización de viaxes reivindicativas foron a mostra desa actitude.

Morandeira é prudente sobre o papel que adopte o Concello, aínda que recoñece tamén a importancia do tren: «Asómbrame ?di? o ben que funciona o tren noutras comunidades autónomas, e aquí non hai un servizo de proximidade; asómbrame que non se primou».

«Hai iniciativas que Regina [Polín] fixo e que non están de máis. O que si me gustaría é que Guitiriz tivese un servizo ferroviario en condicións. En todo o que implique desenvolvemento para Guitiriz estamos dispostos a traballar», explica a futura alcaldesa guitiricense.