O plus de aparcar á sombra e a pomba en roda de muíño

Xosé Carreira LUGO / LA VOZ

GUITIRIZ

ÓSCAR CELA

O itinerario de saída cara á Coruña conserva vellos sinais e deseños que non deberían perderse

03 mares 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando os coches non tiñan aire acondicionado e facíase necesario parar a comer ou tomar algo, conseguir aparcadoiro á sombra no verán era un luxo. O restaurante San Martín, de Carral (Begonte), que pasou por varias mans, ofrecía aos seus cliente ese plus. Un sinal, que aínda se conserva na parte dereita da calzada, así o lembra.

Seguindo ruta cara ao límite coa provincia (punto do que desapareceu unha mouteira de cantería, sen que se saiba cal pode ser o seu paradoiro), á entrada de Guitiriz está a curiosa pomba na que non todo o mundo repara. Está na gasolineira de Ponche Veiga. Lamentablemente o pedestal, no que hai unha placa que se pide conducir con prudencia, non ten a data de colocación.

Algúns veciños lembran que Franco lle outorgou un premio ao complexo do lugar (tiña piscina, gasolineira e hotel e considerábase unha iniciativa a copiar noutros sitios). É posible que a pomba se posase alí por accidente. O seu sitio ocupábao antes a roda dun muíño do lugar. Certo día, ou noite, parece que chegou un camión, levoulla por diante e partiuna.

En Guitiriz, en cuxa travesía sobrevive un atractivo letreiro dunha zapatería xa pechada, aínda lembran os sinais que había ás entradas dicindo «Guitiriz, vila de veraneo».