«Ser capador era unha diversión, un pasatempo»

X.M.P. V ILALBA / LA VOZ

GUITIRIZ

SUSO PENA

25 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Con 89 anos, acompañados de interese en lembrar tempos pasados e de bo humor para comentalos, Manuel García López fala dun oficio que hoxe pode soar a cousa dun pasado moi remoto. Non hai tanto tempo, porén, en que andaba por Guitiriz, por outros concellos dá contorna e mesmo por Lugo capando animais: porcos, cans ou cabras eran algúns deles. Non seu caso, por outra banda, houbo unha parte de continuidade familiar, pois un tío e un bisavó xa foran antes capadores. Quizais ese feito tamén axudou que a apendizaxe, como explica, non lle resultase difícil.

Andaba pola comarca a pé ou a cabalo, aínda que logo chegou a viaxar en autobús en tren. O traballo dáballe diñeiro; pero tamén había outras maneiras de acadar recompensa, pois se lle daban de comer, non cobraba cartos. «Non hai que ser aproveitado», di. Por outra banda, o que levaba canda si para traballar non pesaba moito nin ocupaba moito sitio: un capador, di, necesita unha coitela, unha agulla e fío, ademais do chifre que anuncia a súa chegada.

-Canto cobraba á xente polo traballo?

-Depende... Cando comecei, cobraba 20 pesetas por capar unha cadela; e cando o deixei, 10 euros.

-Gustáballe o traballo que facía?

-Paseino do mellor. Para min, o oficio era unha diversión, un pasatempo... Todo o mundo me quería ben.

-Naqueles tempos, supoño, había máis xente que facía ese mesmo traballo pola zona pola que andaba vostede.

-Si. Soamente en Guitiriz eramos cinco capadores. No concello de Begonte non había ningún; no de Outeiro de Rei, tampouco. Si os había, dous ou tres, no de Cospeito.

-Como era a relación entre vostedes, no oficio?

-’Bueno, bueno...’ Un tiña mala idea, todo o quería para el. Todo o mundo tira para si, pero eu non facía iso.

-Gustaríalle ter aprendido o oficio a outra xente?

-Non. Moitos dicíanme se lles aprendía, pero non. Non me daba gusto. Se aprendía a outros, fastidiábanme a ganancia.

-Eran bos os días de feira para ir conseguindo traballo polas casas?

-Ía ás feiras e avisábanme.

-Cal era a mellor feira pola que andaba vostede?

-A de Parga era a mellor de por aquí. En Rábade, o 2 e o 22 de cada mes, tamén facía bos tratos. Teño ido tamén a Lugo.

-Canto tempo leva capar un porco?

-Depende. Uns son máis rexos ca outros. Un que sexa normal, sete minutos.

-Cambiou o traballo no tempo en que vostede o exerceu?

-Non. Sempre foi igual.