Inquietude en Parga ao anunciarse o peche da corresponsalía do Banco Popular

X.M.P. VILALBA / LA VOZ

GUITIRIZ

ALBERTO LÓPEZ

O BNG solicitará no próximo pleno que o Concello se opoña á medida

08 novs 2018 . Actualizado ás 21:33 h.

A corresponsalía do Banco Popular en Parga parece ter os días contados. Veciños da localidade afirman que á persoa que atende a oficina comunicóuselle o próximo peche e que deixará de prestar servizo o día 15. As reaccións non se fixeron agardar, e o concelleiro do BNG, Xosé Lois González Souto, anunciou onte que no próximo pleno da corporación de Guitiriz presentaría unha iniciativa relacionada con este asunto.

O edil nacionalista solicitará ao Concello que se opoña ao peche e que cancele a súa actividade con ese banco se mantén a decisión de prescindir da corresponsalía de Parga. González Souto alerta do prexuízo que esa medida suporá para os veciños de Parga e de parroquias próximas.

A principios do ano pasado transcendeu a intención de Abanca de pechar a oficina da localidade, o que motivou un forte rexeitamento e unha campaña de recollida de firmas contra esa medida. O peche, finalmente, non levou a cabo, e a oficina continúa funcionando.