O profesor de Guitiriz que dá exemplo na súa casa

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

GUITIRIZ

SUSO PENA

Jesús Losada usou madeira vella para unha cúpula, e as ocas evitan que creza moito a herba

13 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha vida que de novo se desenvolve no lugar de orixe, tras ter tido escenarios en varios países do mundo, nunha casa da familia como fogar. O guitiricense Jesús Losada podería encaixar nesa expresión, aínda que quedarían fóra moitos matices. A casa na que vive foi construída -o seu actual morador calcula que fai uns cen anos- polo seu avó Manuel Losada, que era coñecido, segundo lembra o seu neto, por Landoeira en alusión á aldea onde nacera. E se a vivenda está relacionada con quen decidiu levantala, a súa situación actual parece unha mostra de pasado e de futuro, coma se Jesús Losada aplicase nas súas afeccións e no seu tempo libre algo da súa vocación didáctica.

Unha cúpula cuxos soportes son de madeira chama a atención no exterior da leira. A madeira é de pinotea, e usouse ao sobrar da rehabilitación que emprendeu Jesús Losada antes de trasladarse; un total de 160 triángulos de madeira soportan a estrutura, que ten oito metros de diámetro e unha tea como a de moitos invernadoiros por amais .

O sistema, di Losada, é moi usado en países de América e de Asia expostos a furacáns ou a terremotos, porque o vento escorrega sobre a estrutura. Dentro da cúpula, unha piscina que se nutre de auga dun pozo da leira -así se evita que leve cloro, o que causaría problemas aos peixes- funciona cun sistema de circulación cuxa bomba construíu Losada con pezas dunha lavadora.

Na auga hai peces ornamentais, carpas koi, que, afirma Losada, poden vivir decenas de anos e acadar un metro de lonxitude; estes son por agora máis modestos, pois os comprou fai tres anos, cando eran alevíns, e andan polos 50 centímetros de tamaño. Na piscina hai plantas ornamentais como cola de raposo ou a menta de auga, que, agrega o dono da casa, «dá un té moi rico»; pero dentro da cúpula crecen tamén outros vexetais como o berro, o apio ou a leituga.

Nos colectores de compost hai exemplares de lombriga vermella californiana, que crecen con rapidez e reprodúcense con abundancia; serven de alimento aos peixes, pero ademais quitan os malos cheiros do compost e favorecen, cos seus microbacterias, a descomposición da materia orgánica.

 Froiteiros

O compost úsase para os cultivos do interior así como para as árbores froiteiras que crecen ao aire libre e que nalgúns casos xa plantou o avó do actual morador. Na leira que alberga perales e manzanos, como é normal, crece a herba, aínda que non se adoita oír o ruído dunha segadora cando fai falta cortala. Un total de 15 ocas encárganse para comer a herba, e se excédense na súa alimentación, vanse uns días a unha casa veciña para que o céspede non quede moi afectado. «Dende que as teño, non volvín cortar a herba; non teño que andar preocupándome», di Losada.

As ocas poñen ovos de xaneiro a xuño. Non se comían todos, aínda que o dono da casa descubriu en Internet que tiñan boa saída, e coa venda dos sobrantes acabouse ese pequeno problema. É esta, pois, unha casa autosuficiente? Losada explica que a súa é máis ben unha ecoloxía sinxela: igual que outros teñen as súas afeccións, a súa é esta unión de prácticas aprendidas en Internet e dos seus pais, que eran agricultores.

Unha vida como a do salmón, con regreso ao momento de partida

Losada volveu vivir en Guitiriz tras 34 anos fóra. Así como parte do aplicado no seu horto foi aprendido dos seus pais, nesta decisión hai, como el di, unha parte moi autóctona: «Volvín á terra, como o salmón; moi galego tamén», afirma. Tamén foi algo moi galaico -«esa cousa da terra», manifesta- o experimentado en tanto tempo pasado no estranxeiro, aínda que a súa muller naceu no Salvador e os seus fillos viven no estranxeiro, así que amplitude de horizontes non lle faltaron nin lle faltan.

Con 65 anos, confesa, «case seguro que quedo aquí». Esa foi a razón que o animou a restaurar a casa familiar e a convertela no seu domicilio. Atopou un Guitiriz moi cambiado? «Houbo sitios que cambiaron máis», sostén. Iso si, gran parte dos que coñeceu na súa mocidade e dos que estudaron con el están hoxe fóra.