Traxedia en Friol en 1989 cunha explosión de gas que deixaba un morto e tres feridos de gravidade

La Voz

FRIOL

Ocorría nunha casa da aldea de Trasmonte

12 feb 2019 . Actualizado ás 08:24 h.

Un morto e tres feridos de gravidade foi o balance dun tráxico suceso que ocorreu na aldea de Trasmonte, en Friol, fai hoxe trinta anos. La Voz de Galicia facíase eco en portada da explosión de gas nunha casa que acabou coa vida de María del Carmen Arias Castiñeira, de 31 anos, e que deixou feridos a tres veciños, un deles, un neno de 2 anos. A un dos feridos foi necesario amputarlle as pernas. O suceso produciuse na tarde do sábado 11 de febreiro. Segundo informaba La Voz, María del Carmen Arias, veciña de Lugo, atopábase pasando a fin de semana en casa dos seus sogros co seu marido e un dos seus fillos, de 7 anos, que se atopaban fóra da vivenda no momento do accidente. A explosión ocorreu na cociña, onde estaba traballando a vítima. Ao parecer, unha corrente de aire apagou a chama do hornillo de butano e, cando a muller procedía a levantar a arandela da cociña de leña, produciuse a explosión, que ocasionou unha gran fenda no tabique.