A Deputación abre o Centro de Atención a Maiores de Castroverde

La Voz LUGO

CASTROVERDE

ALBERTO LÓPEZ

Crearanse 30 postos de traballo que permitirán fixar poboación neste concello

22 dic 2020 . Actualizado ás 13:41 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomei, xunto ao deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar Garcia Porto e o rexedor de Castroverde, Xosé María Arias, participaron este martes nas comisións do Centro de Atención a Maiores de Castroverde que formalizan a apertura oficial desta dotación social.

Tomei destacou que é un día moi importante para este concello lucense e para toda a provincia posto que se abre unha nova residencia, "un servizo que sabemos que é moi agardado e demandado polo Concello e polos veciños", subliñou. O servizo é 100 % públicos e favorecerá a calidade de vida e o benestar das persoas maiores, así como a conciliación. Ademais, din desde o organismo provincial que dinamizará a economía local e permitirá a creación de 30 postos de traballo que contribuirán a fixar poboación na zona.

Co de Castroverde, a Deputación de Lugo conta con cinco centros públicos de atención a maiores abertos, que se suma aos situados en Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada, con capacidade para máis de 200 veciños. 

Nos próximos meses, avanza o mandatario provincial, está prevista a apertura da residencia de Pedrafita do Cebreiro e para o último trimestre do ano que vén, as de Meira e Navia de Suarna. O orzamento do ano 2021 contempla oito millóns de euros para os centros de maiores, que se suman a outros 14 que xa se investiron.