«Un cura ten que preocuparse polos problemas dos gandeiros e pola costeira do bonito»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

CASTRO DE REI

Rodríguez Couce admite que os horarios dos gandeiros non son sempre compatibles co interese por ir á misa
Rodríguez Couce admite que vos horarios dous gandeiros non son sempre compatibles co interese por ir á misa óscar cela

Javier Rodríguez Couce salienta que os cregos non teñen hoxe a influencia de antano e que deben cumprir un labor de escoitar e de acompañar

26 jul 2021 . Actualizado ás 09:26 h.

Javier Rodríguez Couce chegou á Terra Chá para botar unha man por un tempo. Pasaron os anos, e agora dedícalle á comarca todo o seu tempo e o seu labor. É responsable da unidade pastoral de Castro de Ribeiras de Lea, na que traballan outros dous cregos: tres sacerdotes para 35 parroquias, pertencentes a cinco concellos, reflicten unha realidade distinta a de hai décadas.

—Para moita xente, a parroquia é o lugar máis íntimo, co que ten un vencello máis forte. Nota iso?

—Si. Xa tiven un percorrido nas parroquias que levaba. O bispo sempre dicía que había que ir preparando á xente e dicirlle ‘mirade os curas dos arredores, son maiores, hai que compartir párroco'. A parroquia é de cada un, a identidade está aí, pero vivir a fe ten que ser unha experiencia aberta e universal. Pode custar un pouco ir á misa á parroquia do lado, pero non queda outro remedio. Ás veces, os curas son menos pesimistas ca os veciños; e segue a ir xente á misa, a resposta é boa.

—Entende a xente que haxa cambios, que non todas as parroquias teñan cura?

—A xente ve os cambios e acéptaos porque é a pura realidade. A xente ve que os curas son maiores e están enfermos e que os outros teñen cada vez máis responsabilidades. Non é só a de dicir misa senón o traballo de atención a cada parroquia: hai traballo burocrático, catequese, visitas a enfermos...

—É posible volver a unha situación coma a de antes?

—É imposible. A Igrexa está cambiando moito e ten que cambiar máis. Antes un cura tiña unha ou dúas parroquias, e nas parroquias importantes había tamén un coadxutor. Hoxe estase a traballar nas unidades pastorais, e xa nin sequera podemos cinguirnos a un concello, hai que pensar en comunidades vivas. Aquí hai dous centros de atención pastoral, o de Castro de Ribeiras de Lea e o de Muimenta, que son os núcleos de máis poboación.

—Hai unha fe distinta na costa e no interior?

—A xente é distinta, iso é evidente. Antes, quizais a fe era distinta; hoxe, non. Eu estiven na costa, e a xente respondía ben: había xente na misa. No interior, talvez por razóns de traballo, algo menos: a xente ten os seus horarios, eu enténdoo. Hai granxas de 200 ou 300 vacas nas que se comeza a muxir ás seis da tarde, temos que ser comprensivos con iso. De todos os xeitos, son feliz aquí e creo que a xente nos quere ben aos curas. De feito, antes de ir ao Seminario fixen estudos de técnico agrícola.

—Está un crego de hoxe conectado cos problemas da xente?

—Se te preocupas, a xente enténdeo. Un cura ten que preocuparse polos problemas dos gandeiros e pola costeira do bonito; os problemas da xente teñen que se os problemas dos curas.

—Antes un cura podía ter presenza, influencia, poder... Que é un crego hoxe?

—Houbo una época en que o cura tiña que ser de todo, ir ver se se podía abrir unha pista ou construír un centro social. Hoxe, grazas a Deus, a xente sabe moverse e móvese. O cura debe recuperar o papel de sempre, de ser pai e nai, de ser persoa á que se pode recorrer porque vai escoitar, de estar aí... A función do crego é estar aí, acompañar, escoitar...

 

«Sempre tiven colaboradores de todas as ideoloxías e xéneros»

Rodríguez Couce traballou en parroquias da costa, primeiro en Cedeira, despois en San Claudio (Ortigueira) e logo no Barqueiro (Mañón) e no Vicedo. Tamén pasou, como oblato beneditino, dous anos na abadía de Samos tras acadar autorización; pero o bispo que lla deu, Manuel Sánchez Monge, pediulle despois que se reincorporase ao traballo na diocese de Mondoñedo-Ferrol porque a idade media dos cregos era alta e algúns enfermaran. Cumpriu a orde e procurou rodearse de laicos no seu labor. «Sempre tiven colaboradores de todas as ideoloxías e xéneros», lembra. Semella que a aposta pagou a pena, pois recoñece que a resposta dos fregueses, tanto en Ortegal e na Mariña coma na Terra Chá, sempre foi boa.

 

Atención a dúas residencias de persoas maiores

Javier Rodríguez Couce (San Sadurniño, 1971) foi ordenado en Mondoñedo en 1999. A unidade pastoral inclúe parroquias dos concellos de Castro de Rei, Pol, Outeiro de Rei, A Pastoriza e Cospeito. Non é a única unidade pastoral da comarca, pois xa antes xurdiu a de Vilalba e anunciouse o proxecto de crear unha en Guitiriz. O labor de Rodríguez Couce inclúe tamén a atención ás residencias de Castro de Rei e de Castro de Ribeiras de Lea.