A sociedade que cambiou o traballo no campo e o lecer nunha parroquia chairega

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

CASTRO DE REI

Participantes nun curso de tractoristas nos anos setenta
Participantes nun curso de tractoristas nos anos setenta ARQUIVO DO TELECLUBE DE BAZAR

Un libro recolle a historia do teleclube de Bazar e a súa pegada en Castro de Rei

28 jun 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Que veciños dunha parroquia acudan a un curso no que se forman para obter o título que lles permita conducir tractores encaixa na sociedade dos anos sesenta e setenta: chegaban as concentracións parcelarias, facíanse máis grandes as leiras, e o carro, que citara Manuel María nun poema feito logo canción, xa non era o único son das zonas rurais. Que veciños dunha parroquia se xunten para ver a televisión, sexan programas de entretemento ou partidos de fútbol, pode semellar estraño hoxe, cando cada persoa, nova ou vella, dedica parte do día a atender á pantalla do seu móbil.

Eses dous feitos e outros moitos déronse en Bazar (Castro de Rei), pero non terían ocorrido se non fose ese un dos lugares nos que que creou un teleclube. Aló polos finais dos sesenta chegou á parroquia un televisor, un dos primeiros sinais de que o teleclube, xurdido en 1968, comezaba o seu camiño. Aínda non se construíra o edificio, que pouco despois se ergueu preto da igrexa.

Máis dun millón das antigas pesetas custou a sede, para cuxa obra houbo axudas de institucións que nos levan a outros tempos: a Irmandade de Labradores achegou 55.000 pesetas, e o Instituto Nacional de Reforma e Desenvolvemento Agrario (Iryda), 100.000 para a pista deportiva. O deporte non só estivo presente no teleclube para ver partidos pola televisión, xa que se creou en Bazar un equipo de fútbol que xogou contra outros da contorna, coma o Bretoña, onde tamén houbo un activo teleclube, ou o Castro de Rei.

Charlas sobre Seguridade Social agraria, sobre cuestións forestais, sobre concentracións parcelarias ou sobre cooperativismo estiveron presentes dende os primeiros tempos, xunto con excursións ou proxeccións de películas. O teleclube mesmo chegou a organizar as festas da parroquia, na honra de San Antón de Padua. No teleclube, a comezos dos setenta, creouse una sección dependente da axencia de Extensión Agraria de Meira para promover actividades de formación da xente nova

Equipo de fútbol en Bazar nos anos setenta do século pasado
Equipo de fútbol en Bazar nos anos setenta do século pasado ARQUIVO DO TELECLUBE DE BAZAR

O entusiasmo dos novos foi precisamente unha das enerxías que alimentou a creación e o desenvolvemento do teleclube nos seus primeiros anos. Así o lembra Luis Veiga, un dos rapaces inquedos que traballou para conseguir a creación; foi monitor do teleclube e logo director do centro cultural, xurdido como evolución daquela institución. O teleclube levou o nome de Ignacio Rey-Stolle Pedrosa, que tiña orixes na parroquia de Coea e ocupou importantes postos na administración central hai décadas. O nome conservouse no centro cultural, aínda que para os veciños, lembra Veiga, segue a ser o teleclube.

Se o apoio de Rey-Stolle foi decisivo para a creación do teleclube, o doutras institucións non resultou menos valioso. A Deputación e o Concello de Castro de Rei, que axudou á recente creación da páxina web do centro cultural, teñen colaborado e colaboran en moitas actividades e en obras desenvolvidas. A historia do teleclube vén de ser recollida no libro «Bazar, milagre social», escrito polo xornalista Xulio Xiz e presentado hai semanas. Veiga, hoxe director honorífico do centro cultural, di que o teleclube xurdiu como «traballo común, colectivo, de moita xente».

Admite que eran outros tempos, pero aqueles cursos para tractoristas foron semente para a creación de modernas granxas. E os tractores, por outra banda, poden traballar ben as leiras, pois a concentración parcelaria leva anos rematada.